As últimas chuvieiras volven estragar un dos aparcadorios exteriores do HULA
Hai moitas fochas e moi xuntas, e ao estar cheas de auga os condutores non poden calcular a profundidade
As chuvieiras intensas dos últimos días deterioraron aínda máis o chamado leiraparking do hospital de Lugo. Os usuarios téñeno complicado para sortear tantas fochancas que, ademais, están cheas de auga polo que non se sabe cal é a profundidade que poden ter.
Complicado circular por este aparcadoiro porque as fochas son moitas e moi xuntas. "É imposible circular por aquí. Hai fochas por todos os lados"; "Isto está tremendo", comentan usuarios.
Os condutores extreman as precaucións. A acumulación de auga impide adiviñar a profundidade das fochas. "Xa che digo! Xa agora os coches son baixiños e pois senón dáme en baixo!"; "É perigoso. Ao estar cheas de auga non sabes a profundidade"; "Case imposible meterte aquí a non ser que leves un todo terreo e con iso aínda é complicado"; "Non sabía que tiña tantas fochas na entrada, pero co meu coche aínda se pasa ben".
As chuvieiras dos últimos días deterioraron aínda máis unha superficie que xa non estaba nas condicións desexables. É un problema recorrente neste aparcadoiro exterior. "Veño aquí a miúdo e vexo que está practicamente sempre igual. Botan algo de grava e péganlle un repasiño pero nada máis".
O Concello ten previsto acometer unha profunda reforma para dotar a parcela dun firme consistente. Un proxecto aínda pendente de varios trámites administrativos.