Galicia lidera a loita contra a parada cardíaca coa integración do 061 no proxecto Ariadna
Sanidade reforza a cardioprotección con máis de 300 novos desfibriladores e 554 voluntarios
Gómez Caamaño destaca a aposta galega pola saúde cardiovascular con iniciativas pioneiras e máis formación en RCP

O titular de Sanidade da Xunta, Antonio Gómez Caamaño, destacou que a integración de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 no proxecto Ariadna eleva o nivel de cardioprotección da comunidade, conseguindo 554 novos voluntarios formados en reanimación cardiopulmonar, ata alcanzaR os 3.200, e rexistrando máis de 300 desfibriladores novos na aplicación.
O conselleiro, acompañado polo director de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Román Gómez, clausurou unha xornada sobre o citado proxecto á que asistiron o presidente da Sociedade Española de Cardioloxía, Ignacio Fernández, e a presidenta de Cruz Vermella de Galicia, Mercedes Casanova.
Gómez Caamaño puxo en valor que Galicia se converteu na primeira comunidade en integrar os seus servizos no proxecto Ariadna, que ten como obxectivo xeolocalizar e validar o maior número posible de desfibriladores aos que se pode acceder no caso de que alguén sufra unha parada cardiorrespiratoria na rúa.
Así, con 10 desfibriladores por cada 10.000 habitantes, Galicia sitúase 7 puntos por encima da media de España, informa a Xunta nun comunicado.
Con esta integración, amplíase a capacidade do programa galego Acude e Axuda, iniciativa que ten por finalidade rexistrar voluntarios en reanimación cardiopulmonar e en manexo de desfibriladores.
O conselleiro referiuse ao labor de sensibilización que leva a cabo o 061 a través do Programa RCP nas aulas, no que colabora a Consellería de Educación, ofrecendo formación aos mozos durante a ESO, e indicou que xa se formaron máis de 20.000 alumnos grazas a esta iniciativa.
Concienciación dos máis novos
A Consellería de Sanidade tamén está a impulsar o deseño e desenvolvemento dun videoxogo para poboación escolar con contidos sobre soporte vital básico.
Sanidade promove iniciativas que contribúen a coidar a saúde vascular da cidadanía, como o Código Shock Cardioxénico, organizando a asistencia a esta patoloxía a través da creación dunha rede asistencial; o proxecto New Heart, en colaboración co norte de Portugal para optimizar o diagnóstico precoz das enfermidades cardiovasculares; ou o Rexistro Galego do Infarto Agudo de Miocardio, que proporciona datos epidemiolóxicos e asistenciais para a planificación dos recursos.
O presidente da Sociedade Española de Cardioloxía e coordinador de Ariadna, Ignacio Fernández, dixo que a integración do proxecto no sistema de emerxencias de Galicia marca un fito fundamental na loita contra a parada extrahospitalaria en España.