Ferrol celebra a Romaría de Chamorro coma cada Luns de Pascua
Milleiros de devotos acoden a agradecerlle os favores á Nosa Señora do Nordés
Que chova ou que acompañe o sol. En Ferrol cada Luns de Pascua hai que cumprir coa tradición.
"Eu veño desde que tiña cinco ou seis anos. Con miña nai, con amigas e aínda sigo. É que é precioso".
A ermida da Nosa Señora do Nordés está no alto de Chamorro. A tradición manda subir polo monte.
"Chega abondo. Pero merece a pena".
Pero hai alternativas. A pé pola estrada, en bicicleta ou correndo. Calquera camiño leva ao santuario.
"Todos os anos en aninovo e o luns de Pascua subo correndo a Chamorro".
Xa na ermida, é tempo de mercar as candeas para agradecerlle os favores á Virxe.
"Para min o máis importante é cumprir coa promesa á Virxe. A devoción que teño porque a Virxe nun momento cumpriu co que lle pedín".
E tras da misa e a procesión, hai que quedar xantar no monte, desde onde se divisa boa parte da comarca. Os que non, roscas e música para rematar a festa.