Polémica pola nova imaxe de Santa Minia en Brión, que recibe milleiros de romeiros
Polémica pola nova imaxe de Santa Minia en Brión, que recibe milleiros de romeiros
Ata o vindeiro domingo, polbo, verbena, música e devoción atraerán milleiros de persoas a esta romaría en Brión
Este venres celébrase o Día de Santa Minia, así que hai que ir onde o celebran ao grande. E iso é en Brión. Madrugan os máis devotos, e dende primeira hora houbo ringleiras de fieis para visitar a santa Minia no seu día grande.
Unha romaría que atrae cada ano milleiros de persoas de todas as partes de Galicia. Este ano trouxo polo menos dúas novidades. Unha delas, que hai novo campo da festa, porque houbo que pechar a carballeira, xa que o fungo da armillaria danou as árbores e había que evitar riscos.
A segunda novidade, a máis comentada, é a nova imaxe da santa Minia, que non convence a todos. De feito, levantou certa polémica e división de opinións entre a veciñanza.
"Doouna unha familia, que a santa lle fixo un favor moi grande", comenta unha romeira satisfeita coa figura.
"Hai moita polémica.... Parece Yola Berrocal", critica outro asistente.
Sexa como sexa, ata o vindeiro domingo, polbo, verbena, música e devoción atraerán milleiros de persoas a esta romaría en Brión.