Tristura entre a comunidade de arxentinos residentes en Galicia
Sebastián, un arxentino residente en Touro coñeceu ao Papa cando aínda era arcebispo de Bos Aires
Recorda o humilde e cercano que era sobre todo cos máis desfavorecidos
"Sempre foi unha persoa moi achegada, moi cálida. Tratábate coma se foses da súa familia", recorda Sebastián Sexto, arxentino residente en Galicia.
Era o papa de todos os católicos pero os arxentinos sentíano máis de seu. Sebastian é un deles. Fillo de emigrantes galegos, hai 5 anos decidiu asentarse en Touro coa súa familia. El tivo a oportunidade de coñecelo en persoa cando Sebastián traballaba nunha comunidade de persoas con discapacidade e Francisco aínda era Jorge Bergoglio, arcebispo de Bos Aires.
"Aí o coñecemos, compartimos algunhas veces algunha celebración onde el estivo e ata lle puiden facer de acólito"
Hoxe recorda a ledicia de todo un país cando saíu elixido un papa arxentino
"Si foi unha tolemia, non se podía crer. Eu recordo que estaba alá, na Arxentina e sempre foi como gañar tres mundiais de fútbol xuntos"
Dende aquel momento os seus compatriotas sentían que A Arxentina sería un dos países que o papa visitaría. Pero non puido ser.
"Xa volverá, doutro xeito. Eu creo que o espírito del está presente porque nel sempre nos vimos, cando el tomaba mate coa xente no Vaticano, cando pedía os alfajores da cidade de onde eu son, de Mar do Prata, os alfajores da Habana, que era o que máis lle gustaba. El sempre vai seguir presente máis alá de que non puidese achegarse ao seu país de orixe, de nacemento, eu creo que toda a xente sabe que está aí presente".