A Arxentina declara unha semana de loito oficial pola morte do papa Francisco
Jorge Bergoglio marchou en 2013 da Arxentina e nunca volveu
Tristura entre a comunidade de arxentinos residentes en Galicia
Bos Aires, a cidade onde naceu e da que fora arcebispo Jorge Bergoglio, espertou este luns sorprendida pola noticia da súa morte, como nos confirma Fidel Lema Roget, membro da comunidade galega na Arxentina, onde preside o Centro Galego de Avellaneda.
"Sabiamos que estaba enfermo e que estaba mal, pero ninguén agardaba esta noticia".
Xa desde primeira hora sucedéronse as mostras de loito empezando por unha misa na catedral porteña e a declaración do Goberno dunha semana de loito oficial no país. Malia ser o primeiro papa latinoamericano da historia e manter sempre o seu orgullo de ser arxentino, nos 12 anos de papado non volveu ao seu país.
"Creo que é algo pendente que lle vai quedar á maioría dos arxentinos no corazón".
Fidel Lema ten claro que foi debido aos postulados de Bergoglio e ás peculiaridades políticas da Arxentina. Malia iso, di que hoxe todos lamentan unanimemente a súa morte. Di que era unha figura moi querida e estaba moi presente entre os cidadáns de Bos Aires a súa imaxe de cando era arcebispo desa diocese, andando pola rúa ou circulando no transporte público coma un veciño máis.