Unha lousa de mármore da terra dos seus avós será a sinxela sepultura do papa Francisco
As exequias celebraranse o sábado na Praza de San Pedro e contarán con 130 delegacións oficiais
Persoas sen fogar, migrantes, transexuais e presos acompañarán o féretro do papa Francisco

Unha lousa de mármore da rexión italiana de Liguria, a terra na que naceron os avós do papa. Sobre a pedra, a inscrición 'Franciscus' e a súa cruz pectoral.
Así de sinxela será a tumba na que descansarán os restos do Pontífice.
O papa Francisco expresara no seu testamento a vontade de recibir sepultura “na terra, cunha tumba sinxela, sen decoracións especiais”.
A tumba estará no nicho da nave lateral da basílica de Santa María a Maior, entre a Capela Paulina (Capela da Salus Populi Romani) e a Capela Sforza, cerca do Altar de San Francisco.
Os gastos da súa sepultura foron asumidos por un benefactor anónimo.
Durante os máis de doce anos de pontificado, Francisco visitaba frecuentemente Santa María a Maior, especialmente antes e despois das súas viaxes apostólicas, para confiarse á protección da Virxe.
A súa última visita ao templo tivo lugar o 23 de marzo, tras saír do hospital Gemelli de Roma.
O seu corpo permanece exposto na basílica de San Pedro ata o venres, para permitir que os fieis lle dean o último adeus.
O funeral do Papa Francisco será o sábado 26 de abril ás 10:00 horas na Praza de San Pedro. A misa de exequias celebrarase no atrio da Basílica.
Máis de 50 xefes de Estado e dez reis asistirán ao funeral do papa Francisco
O funeral do papa Francisco contará cunha ampla presenza de líderes internacionais.
A Santa Sé confirmou que asistirán ao acto arredor de 50 xefes de Estado ou de Goberno e dez reis, ademais doutros representantes de 130 delegacións oficiais.
Entre os mandatarios que xa confirmaron a súa presenza están o presidente dos Estados Unidos, Donald Trump; o de Arxentina, Javier Milei; o de Brasil, Luiz Inácio Lula da Silva; o de Francia, Emmanuel Macron; e o de Ucraína, Volodímir Zelenski. Tamén acudirá a presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, xunto a outros representantes europeos e internacionais.