Galicia pecha a Semana Santa cunha ocupación media dun 58 %, con picos de ata o 78 %
A maioría do turismo nacional provén da propia comunidade, seguida de Madrid, Castela-León, Andalucía e Asturias
A estancia media foi de catro noites, superando as previsións
O prezo medio por noite reduciuse ata 70,85 euros como estratexia para manter a ocupación ante o mal tempo

Galicia pechou a Semana Santa cunha ocupación media de luns a domingo arredor do 58 %, unha porcentaxe que se elevou ao 77 %, 74 % e 78 % nas xornadas do xoves, venres e sábado, respectivamente.
Un balance positivo, apuntan, sobre todo se se ten en conta o tempo adverso que azoutou Galicia nos últimos días.
Así, segundo os datos da aplicación Simada (Sistema de Monitorización e Análise de Datos de Aloxamento), a estancia media foi de catro noites, unha máis da que apuntaban as previsións iniciais.
Arredor do 78 % do turismo foi nacional e a porcentaxe maioritaria corresponde ao turismo interior, seguido do procedente de Madrid e, xa a máis distancia, de Castela-León, Andalucía e Asturias.
A afluencia de turistas internacionais superou o 21 % fronte o 8 % que indicaban as reservas de principios de semana, cando aínda había unha ampla porcentaxe que non tiña asignada procedencia. Portugal, os Estados Unidos e Alemaña son os países de orixe maioritaria destes turistas.
No que respecta ao prezo por noite, a media de todos os aloxamentos situouse finalmente en 70,85 euros fronte aos 74 previstos, debido probablemente á redución de prezos que realizan algúns establecementos para manter ou incrementar a ocupación ante o mal tempo.