Ucraína mételle presión a Rusia co maior ataque aéreo en tres anos de guerra
Rusia derruba máis de 343 drons, que deixaron tres mortos e unha vintena de feridos na rexión de Moscova

Ucraína tenta impoñer a Rusia unha tregua co maior ataque con drons da guerra, que deixou este martes tres mortos e case unha vintena de feridos na rexión de Moscova.
"É importante destacar que o réxime de Kiiv golpea a infraestrutura social e edificios de vivendas", denunciou Dmitri Peskov, portavoz presidencial ruso.
Mentres, engadiu, o Exército ruso "segue golpeando obxectivos militares ou cuasimilitares", aínda que este sábado as tropas rusas mataron a once persoas e feriron a medio centenar nun ataque con mísiles e drons na rexión de Donetsk.
Co apoio de Francia e o Reino Unido, o presidente ucraíno, Volodimir Zelenski, propuxo a pasada semana unha tregua aérea e marítima como paso previo ao comezo dun proceso de paz, iniciativa que os Estados Unidos non ve con malos ollos.
As defensas antiaéreas rusas tiveron que empregarse a fondo durante a madrugada para repeler a maior ofensiva con drons da contenda, que superou os ataques masivos lanzados por Kíivv en xaneiro e febreiro deste ano.
Segundo o Ministerio de Defensa, un total de 343 aparellos non tripulados foron abatidos, deles case un centenar na rexión de Moscova e que, segundo o alcalde, Serguéi Sobianin, estaban dirixidos contra obxectivos na capital.
De feito, fragmentos de drons de á fixa causaron danos en varios edificios de vivendas na urbe de 13 millóns de habitantes. Peskov destacou que as baterías antiaéreas rusas funcionaron "moi ben", o que evitou maiores danos -seis dos drons dirixíanse á central nuclear de Kursk, segundo Defensa- e vítimas mortais.
Con todo, segundo o Ministerio de Sanidade ruso, tres persoas morreron na rexión de Moscova, a menos de 20 quilómetros da capital. Ademais, 17 persoas, entre elas tres nenos, resultaron feridas debido ao ataque inimigo, dos que seis seguen hospitalizados.
Mentres, Ucraína admitiu abertamente que o motivo do seu ataque é meterlle presión ao Kremlin para que acepte a proposta de tregua. "É outro sinal a Putin de que debe estar interesado no cesamento do fogo aéreo", asegurou Andrí Kovalenko, xefe do Centro contra a Desinformación do Consello para a Seguridade Nacional de Ucraína, nun vídeo en Telegram.
O funcionario ucraíno non dubidou en cualificar o ataque con drons como "o maior da historia" contra a rexión da capital rusa e asegurou que a resposta de Putin demostrará se Moscova está realmente interesada na paz.