Publicador de contidos

Publicador de contidos

Trump ameaza a Rusia con sancións a grande escala ata que haxa un acordo de paz

Trump ameaza a Rusia con sancións a grande escala ata que haxa un acordo de paz

O presidente dos Estados Unidos acusa a Moscova de estar "esmagando" a Ucraína na fronte de guerra e pídelle sentar con Kíiv na mesa de negociacións "agora, antes de que sexa demasiado tarde"

Os líderes da UE apoian a paz en Ucraína cos criterios de Zelenski e préstamos de 150.000 millóns para defensa

A Casa Branca planea unha reunión con Ucraína en Arabia Saudita para un cesamento do fogo

Donald Trump, presidente dos EUA (Reuters/Evelyn Hockstein)
G24.gal 07/03/2025 16:23 Última actualización 07/03/2025 16:46

O presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, ameazou este venres con sancións "a grande escala" contra Rusia ata lograr un acordo de paz por estar "a esmagar" Ucraína na fronte de guerra.

"Considerando que Rusia está a esmagar a Ucraína na fronte de guerra neste momento estou a avaliar seriamente impoñer sancións bancarias a grande escala, sancións e aranceis a Rusia ata que se logre un cesamento do fogo e un acordo de paz", asegurou Trump nunha mensaxe en Truth Social, a súa rede social.

O líder estadounidense instou na súa mensaxe tanto a Kíiv como a Moscova a "sentar na mesa de negociacións agora, antes de que sexa demasiado tarde".

Trump non detallou que medidas planea impoñer contra Moscova, dado que desde o inicio da invasión, Washington xa aplicou sancións masivas e o intercambio comercial entre ambos os países atópase en mínimos, con apenas 3.500 millóns de dólares en 2024.

Os Estados Unidos, aliado clave de Kíiv desde o inicio da guerra, cambiaron de estratexia coa chegada de Trump ao poder, suspendendo o envío de equipamento militar e o intercambio de intelixencia con Ucraína.

Di que é máis difícil lidar con Ucraína que con Rusia

Trump declarou tamén este venres que é máis difícil lidar con Ucraína que con Rusia nas negociacións para poñer fin á guerra.

"Resúltame cada vez máis difícil, francamente, lidar con Ucraína", expresou Trump, quen declarou que o está facendo "moi ben con Rusia" a pesar de recoñecer que as forzas do Kremlin están "a bombardear a Ucraína como tolos".

"En termos de lograr un acordo final, poida que sexa máis fácil tratar con Rusia, o cal é sorprendente", sinalou.

Trump asegurou que o presidente ruso, Vladímir Putin, está a facer "o que calquera persoa faría na súa posición". Asegurou ademais que Putin quere a paz e que durante as negociacións "vai ser máis xeneroso do que tería que ser".

Unhas declaracións que sorprenden porque chegaron poucas horas despois de ameazar con sancións a "gran escala" contra Rusia por estar "a esmagar" a Ucraína na fronte de guerra.

Apoio de Turquía á estratexia europea

A outra estratexia, a europea, sumou este venres un novo apoio: Turquía adheriuse á tregua parcial por mar e aire proposta por Francia e o Reino Unido e que conta co visto e prace de Kiiv. O apoio de Erdogan é importante porque o presidente turco é un dos poucos aliados de Ucraína que aínda mantén liña aberta con Putin.

Segundo a axencia de noticias Bloomberg, Rusia estaría disposta a un alto o fogo con varias condicións, a principal, que non haxa tropas europeas nun eventual despregamento dun continxente de paz. No terreo, a guerra segue allea a estes movementos: a pasada noite Rusia lanzou outro ataque masivo contra a rede gasista ucraína, 67 mísiles e case 200 drons. A metade foron interceptados polas defensas ucraínas e polos Mirage franceses, a súa primeira participación no escenario bélico. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade