Publicador de contidos

Publicador de contidos

Violencia sectaria, desquites na Siria post Al Assad

Violencia sectaria, desquites na Siria post Al Assad

A comunidade alauíta, á que pertence o expresidente sirio, denuncia execucións sumarias contra os seus membros

A ONU confirma a morte de máis de cen persoas e o Observatorio Sirio de Dereitos humanos eleva a máis de mil as vítimas

Un membro das forzas de seguridade sirias supervisa a identidade Un membro das forzas de seguridade sirias supervisa a identidade
G24.gal 12/03/2025 10:09 Última actualización 12/03/2025 11:48

A complexa convivencia entre comunidades sirias ameaza con saltar polos aires tras os sucesos dos últimos días. As Nacións Unidas oficializaron este martes o que xa era coñecido nos últimos días: en provincias occidentais do país estanse a realizar execucións sumarias de base sectaria, e as principais vítimas son os alauítas.

Esta comunidade, unha rama xiíta do islam á que pertence entre o 10 e o 12 % dos cidadáns sirios, incluída a familia do deposto Bashar al Assad, foi durante décadas a dominante no país. Porén, desde a caída do réxime vive pendente de cada acción das novas autoridades e das posibles represalias contra os seus membros.

O xoves pasado un contraataque masivo e coordinado de remanentes do réxime de Al Assad en Lakatia, Tartús e Baniyas contra forzas oficialistas foi a escusa para o desquite. A resposta militar do novo Goberno derivou en moitos casos nesas execucións de alauítas que denuncia a ONU.

"De acordo con moitos testemuños recollidos pola nosa oficina, os perpetradores dos crimes foron casa por casa preguntando aos residentes se eran alauítas ou sunnitas antes de decidir se os asasinaban ou non. Algúns sobreviventes contáronnos que mataron a moitos homes fronte ás súas familias", afirmou Thameen Al-Kheetan, voceiro da Oficina da ONU para os Dereitos Humanos.

As Nacións Unidas verificaron a morte de 111 persoas (90 homes, 18 mulleres e tres menores), aínda que organizacións como o Observatorio Sirio de Dereitos Humanos elevaban esa cifra este martes a 1.093 vítimas.

"Outros abusos denunciados nos últimos días incluíron saqueos de domicilios e tendas por parte de persoas anónimas que se aproveitaron do caos", agregou Al-Kheetan, quen subliñou que moitos civís fuxiron da violencia a zonas rurais e outros se rexistraron na base aérea próxima que controla Rusia.

Membros da comunidade alauíta na súa fuxida (Reuters / Mohamed Azakir) Membros da comunidade alauíta na súa fuxida (Reuters / Mohamed Azakir)

O Ministerio de Defensa sirio xa deu por finalizado o operativo nas provincias costeiras e anunciou que se investigará o sucedido. Porén a prensa internacional segue sen poder acceder a esas áreas occidentais do país desde o pasado domingo por motivos de seguridade, segundo o Ministerio de Información sirio.

Acordo entre Damasco e as milicias Kurdas

En medio destes enfrontamentos sectarios, o luns pasado o novo Goberno sirio asinou un acordo coas milicias kurdosirias para poñer fin á división territorial e de administracións autónomas paralelas, nun histórico paso cara á unidade territorial, social e militar.

Foi o novo líder do país, Ahmed al Sharaa, quen rubricou ese pacto co comandante da alianza kurda, as Forzas de Siria Democrática (FSD), Mazlum Abdi, que estipula a integración dos kurdosirios nas institucións do Estado, que pasará a gobernar os territorios setentrionais ata o de agora xestionados pola Administración Autónoma do Norte e Leste de Siria (AANES), tamén coñecida como Rojava.

 Mazlum Abdi e Ahmed al Sharaa tras a sinatura do acordo (Vía Reuters)  Mazlum Abdi e Ahmed al Sharaa tras a sinatura do acordo (Vía Reuters)

A caída do réxime de Bashar al Assad o pasado 8 de decembro deu inicio a semanas de intensas negociacións entre Damasco e os kurdosirios, que tras o estalido da guerra civil en Siria controlaban de forma autónoma esas amplas zonas do norte e o leste do país.

Este acordo permítelles ás novas autoridades sirias ofrecer unha imaxe de unidade ante a comunidade internacional, fronte ás acusacións de sectarismo por esas represalias contra os alauítas. E é que, entre outras cousas, as FSD, que están lideradas por kurdos, pero nas que tamén hai asirios e cristiáns, amais doutros grupos étnicos, integraranse nun exército unificado baixo unha soa bandeira por primeira vez en moitos anos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade