Publicador de contidos
Publicador de contidos

Siria comeza unha busca e captura de membros do réxime de Al-Assad no centro do país

Siria comeza unha busca e captura de membros do réxime de Al-Assad no centro do país

O Mando de Operacións Militares comezou unha campaña de "rastrexo coa participación de batallóns de infantería apoiados por forzas blindadas". Está liderada por Ahmed al-Sharaa, quen encabezou a ofensiva dunha alianza islamita que derrocou a Al-Assad.

O ministro de Educación do Goberno interino sirio, Nazir al-Qadri, aclarou que polo momento "só están a eliminar toda glorificación do antigo réxime, como as imaxes da bandeira da revolución siria nos libros escolares"

A nova bandeira de Siria/EP A nova bandeira de Siria/EP
G24.gal 02/01/2025 13:14

A nova administración de Siria iniciou este xoves unha operación de seguridade para buscar e capturar a membros do antigo réxime de Bashar al-Assad, derrocado o pasado 8 de decembro, no medio de tensións internas e tras choques en barrios da minoría alauita, rama do islam xiíta que profesa o expresidente.

A axencia oficial de noticias siria SANA informou de que o Mando de Operacións Militares comezou xunto ao Ministerio de Interior unha campaña de "rastrexo coa participación de batallóns de infantería apoiados por forzas blindadas" en varios lugares dos barrios da cidade de Homs, capital da provincia homónima no centro de Siria. A operación está liderada por Ahmed al-Sharaa, quen encabezou a ofensiva dunha alianza islamita que derrocou a Al-Assad.

Homes enmascarados van subidos en camionetas e tanques polas rúas da cidade coa intención de "dar caza ao resto das milicias de Al-Assad que se negaron máis dunha vez para chegar a un acordo, e confiscar as armas e municións que gardaban entre os cidadáns", informa SANA. 

Piden cooperación

Unha fonte do Mando de Operacións Militares -que non se identificou- asegurou que as autoridades repartiron folletos nos que chamaron a poboación de dous barrios da capital provincial, concretamente de Wadi al Dahab e Akrama, para que permanezan nas súas casas "e cooperen plenamente" coas unidades de seguridade "ata que remate a campaña de rastrexo ou ata que o permita o toque de queda".

Lembrou que as autoridades sirias xa abriron "centros de reconciliación" en varios puntos do país árabe, incluído Homs, para que os membros do antigo réxime puidesen rexistrarse e entregar as armas que aínda posúen. O obxectivo é "evitar a escalada entre os civís", sobre todo entre os "remanentes das milicias de Al-Assad en varios barrios de Homs".

Por outra parte, o Observatorio Sirio de Dereitos Humanos, unha ONG con sede no Reino Unido pero que conta cunha ampla rede de colaboradores no terreo, asegurou que esta operación inclúe ás "persoas implicadas na incitación ás manifestacións que tiveron lugar a semana pasada", ademais dalgúns "considerados como 'shabiha' (matóns), supostamente implicados en actos de violencia e crimes durante os últimos anos".

Hai uns días, o Mando de Operacións Militares impuxo un toque de queda na cidade de Talbiseh, na periferia norte de Homs, e comezou unha campaña de redadas nalgunhas casas de persoas buscadas por casos que inclúen “roubo” e outros actos. Polo menos nove persoas acusadas de narcotráfico e secuestros foron detidas.

Esta operación prodúcese unha semana despois de que miles de membros da minoría alauita saísen ás rúas en varios puntos do país por mor da difusión dun vídeo que mostra un ataque contra un templo importante para a súa fe e que as autoridades interinas aseguran foi gravado hai semanas.

As manifestacións deixaron varios mortos e requiriron a imposición de toques de queda, así como o envío de reforzos de seguridade ás zonas afectadas: Mezzeh 86, a provincia central de Homs e as costeiras Tartus e Latakia, o corazón alauita neste país de maioría sunnita.

Esquecer o antigo réxime

O ministro de Educación do Goberno interino sirio, Nazir al-Qadri, confirmou este xoves que ordenou "limitadas" modificacións nos libros de ensino, tras a caída do réxime de Bashar al-Assad, incluídos textos de ensino relixioso.

Al-Gadri afirmou que as modificacións son limitadas e que se crearán "comités especializados para revisar e examinar os plans de estudo de todas as escolas do país". Aclarou que polo momento "só están a eliminar toda glorificación do antigo réxime, como as imaxes da bandeira da revolución siria nos libros escolares".

Tamén "foron modificadas algunhas informacións incorrectas que o réxime de Al-Assad metera no plan de estudos de educación islámica, como a explicación incorrecta dalgúns versículos do Corán", libro sacro dos musulmáns.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade