Milei e González Urrutia reciben o apoio de venezolanos desde o balcón da Casa Rosada
Milei e González Urrutia reciben o apoio de venezolanos desde o balcón da Casa Rosada
Edmundo González Urrutia iniciou este sábado na Arxentina unha xira que proseguirá no Uruguai, Panamá e a Republicana Dominicana ata o 10 de xaneiro
O 10 de xaneiro é a data na que debe tomar posesión o novo presidente saído das urnas o 28 de xullo
Para a oposición, o vencedor foi González Urrutia, pero o presidente Nicolás Maduro afirma o contrario
O presidente da Arxentina, Javier Milei, e o candidato opositor á presidencia venezolana Edmundo González Urrutia saíron este sábado ao balcón da Casa Rosada para saudar os miles de venezolanos que se congregaron na praza de Maio de Bos Aires para apoiar o líder opositor na súa primeira parada dunha xira por varios países latinoamericanos.
"Presidente, presidente!" e "liberdade!" foron os berros que se escoitaron na mítica praza de Maio por parte dos congregados que consideran a González Urrutia o gañador das eleccións celebradas en Venezuela o día 28 de xullo.
As miles de persoas que acudiron ata as portas da Casa Rosada tamén lanzaron consignas como "Grazas, Milei", en alusión ao presidente arxentino, que foi o primeiro líder latinoamericano en recibir a González Urrutia nesta xira, que busca solicitar apoios para que poida asumir o poder en Venezuela o 10 de xaneiro, cando ten previsto investirse presidente Nicolás Maduro para un novo mandato.
Ao balcón da Casa Rosada, a sede do Executivo arxentino, saíron Milei, González Urrutia, o chanceler arxentino, Gerardo Werthein, a secretaria xeral da Presidencia e irmá do presidente Milei, Karina, e a esposa do opositor venezolano, Mercedes, quen o acompaña sempre na súa batalla política, entre outros.
Milei cedeu o protagonismo a González Urrutia, quen saudou os congregados mentres lle gritaban "presidente, presidente!" e recibía aplausos e aclamacións.
A masa de persoas que o aclamaban e lle aplaudían constituíron unha marea de vermello, amarelo e azul, as cores da bandeira venezolana, xa que portaban estandartes, gorras e camisetas con eses tons.
Despois, o presidente arxentino tomoulle a man e ambos as alzaron saudando os congregados mentres se escoitaba "grazas, Milei".
O longo saúdo aos venezolanos tivo lugar tras unha reunión no interior da Casa Rosada, sobre a que polo de agora non transcendeu información.
Do encontro publicou unha imaxe a Oficina do Presidente da República Arxentina na rede social X.
El Presidente Javier Milei recibió en Casa Rosada al Presidente electo de Venezuela, Edmundo González Urrutia. pic.twitter.com/wkupDdCB9g
— Oficina del Presidente (@OPRArgentina) January 4, 2025
Posteriormente a mesma Oficina do Presidente publicou un conmunicado no que comezaba dicindo que a "Oficina do Presidente celebra a visista oficial á Casa Rosada do lexítimo presidente electo da República de Venezuela".
— Oficina del Presidente (@OPRArgentina) January 4, 2025
Pouco antes, González Urrutia difundiu unha mensaxe en vídeo na que expresou o seu compromiso cos presos políticos e os opositores asilados na embaixada da Arxentina en Caracas, custodiada polo Brasil debido ádecisión de Maduro de expulsar os diplomáticos arxentinos.
"Enviamos un cordial e afectuoso saúdo, en especial a todos os presos políticos e aos asilados na embaixada arxentina en Caracas; esa é e será a nosa preocupación en todas as reunións que manteremos", dixo o líder opositor de Venezuela a través das redes sociais.
Antes deste encontro con Milei, Gonzalez Urrutia tamén anunciaba o encontro na rede social X.
Pronto a reunirme con el Presidente de Argentina, Javier Milei, con quien compartiré mis experiencias en Buenas Aires como diplomático durante los años 1998-2002 y cómo, 22 años después, regreso como presidente electo de mi pais.
— Edmundo González (@EdmundoGU) January 4, 2025
Hablaremos sobre la situación política… pic.twitter.com/c5NbDnDiIe
Posteriormente fixo unha publicación na súa conta de X, dicindo que estaba vivindo un dos momentos máis emocionantes da súa vida. E un vídeo entrando no despacho presidencial de Milei.
¡Uno de los momentos más emocionantes que he vivido!
— Edmundo González (@EdmundoGU) January 4, 2025
Venezolanos, también nos encontraremos en las calles de nuestro amado país. pic.twitter.com/1OmzKsXkQZ
González Urrutia iniciou este sábado na Arxentina unha xira que proseguirá no Uruguai, Panamá e a Republicana Dominicana ata o 10 de xaneiro, cando planea ir a Venezuela a pesar da orde de captura emitida contra el polo Goberno de Nicolás Maduro.
O 10 de xaneiro é a data na que debe tomar posesión o novo presidente saído das urnas o día 28 de xullo. Segundo a oposición, o vencedor foi González Urrutia, pero o presidente Nicolás Maduro afirma o contrario.
Maduro ten previsto tomar posesión sen presentar as actas electorais que acreditarían a súa vitoria, o que causou as críticas da oposición e de boa parte da comunidade internacional.