Edmundo González reitera que estará en Venezuela para a toma de posesión presidencial
Edmundo González reitera que estará en Venezuela para a toma de posesión presidencial
Miles de persoas aclamárono esta fin de semana na Arxentina e no Uruguai
A súa intención é estar o día 10 en territorio venezolano para desafiar a Maduro
A primeira parada na xira de Edmundo González, esta fin de semana, foi na Arxentina. O presidente Javier Milei recibiuno con todas as honras e dixo que o seu país é e será a casa de todos os venezolanos do mundo.
Despois, baño de multitudes diante da Casa Rosada, na histórica praza de Maio, entre a celebración e o carácter reivindicativo.
"Liberdade, liberdade!", foi a consigna que berraron reiteradamente os congregados.
Edmundo González deixou claro que pensa estar en Venezuela o venres 10 na toma de posesión presidencial, malia a recompensa de 100.000 dólares que ofrece o réxime de Maduro a quen facilite a súa detención.
Iso mesmo reiterouno horas despois ante o presidente do Uruguai, Luis Lacalle Pou, a quen lle entregou unha copia das actas das eleccións presidencias venezolanas. En Montevideo lanzou unha mensaxe explícita:
"Imos lograr a recuperación da nosa Venezuela. Xunto coa recuperación da democracia imos recuperar a liberdade de todo os presos políticos".
A xira americana de Edmundo González continúa con escalas en Panamá e a República Dominicana antes de chegar este luns aos Estados Unidos. Alí ten previsto entrevistarse con Joe Biden, aínda que a Casa Branca non informou polo de agora sobre o lugar nin a hora do encontro.