Publicador de contidos
Publicador de contidos

A fragata Cristóbal Colón completa a súa misión no Mediterráneo oriental

A fragata Cristóbal Colón completa a súa misión no Mediterráneo oriental

O buque estivo catro meses integrado na Agrupación Naval Permanente 2 da OTAN

G24.gal 15/12/2024 14:29 Última actualización 15/12/2024 14:58

A fragata Cristóbal Colón regresou á súa base en Ferrol logo de participar durante case catro meses nunha operación disuasoria da OTAN en augas do Mediterráneo oriental. O recibimento en terra foi cálido para os 230 homes e mulleres que integran a dotación do buque. 

A fragata navegou máis de 21.000 millas durante os 115 días que permaneceu fóra da base.

"É o meu fillo. Leva catro meses e pico fóra. Estou desexando que chegue e abrazalo".

"É difícil telos lonxe tanto tempo, pero é o que elixiron e fano con gusto".

"Vimos desde a outra punta de España. E nada, desexando abrazalo e darlle calor este Nadal", comentan algúns dos familiares que esperan no peirao do Arsenal Militar.

Durante a súa misión, integrada nunha das unidades permanentes da OTAN no Mediterráneo, a Cristóbal Colón recalou en Grecia, Italia, Turquía e Portugal.

"Foi duro estar lonxe da familia, pero cos compañeiros foi máis levadeiro. Aquí estamos por fin coa familia", conta Valentina, membro da dotación.

O buque zarpara o 23 de agosto para incorporarse á operación "Noble Shield", a resposta disuasoria da Alianza á invasión rusa de Ucraína.

"Durante estes catro meses estivemos integrados con buques canadenses, gregos, turcos franceses e fixemos exercicios de adestramentos con outros países da Alianza despregados na zona, como Estados Unidos, Italia, Reino Unido e Alemaña", explica Juan Carlos Pardal, Comandante da fragata Cristóbal Colón.

O regreso foi emotivo e a música escollida para o agardado reencontro -panxoliñas-, inevitable.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade