Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Kremlin vaise reunir con enviados de Trump para abordar a tregua en Ucraína

O Kremlin vaise reunir con enviados de Trump para abordar a tregua en Ucraína

"Efectivamente, os negociadores están a voar. Hai contactos previstos", confirmou o portavoz do Goberno ruso

O Kremlin advirte que Rusia non quere unha tregua provisional, senón un "arranxo duradeiro"

"Instamos os rusos a adherírense a este plan. Isto é o máis preto que estivemos da paz nesta guerra", asegurou a portavoz da Casa Branca

Arquivo / Reuters Arquivo / Reuters
G24.gal 13/03/2025 11:07 Última actualización 13/03/2025 12:44

O Kremlin anunciou hoxe unha reunión entre a parte rusa e os enviados especiais do presidente dos EUA Donald Trump para abordar a proposta de tregua aceptada xa por Ucraína.

"Efectivamente, os negociadores están a voar. Hai contactos previstos", dixo Dmitri Peskov, portavoz presidencial, na súa conferencia de prensa telefónica diaria. Peskov non descarta que o presidente Vladimir Putin celebre algunha reunión máis hoxe á parte da prevista co seu colega belarús Alexandr Lukashenko. A portavoz do Ministerio de Exteriores ruso Maria Zakharova indicou en conferencia de prensa que a dita reunión podería ter lugar hoxe, xoves.

Segundo o servizo Flightradar, o avión co enviado especial dos EUA para Oriente Medio, Steve Witkoff, entrou en territorio ruso tras engalar de Qatar, informou a axencia RIA Novosti. Peskov tamén adiantou que Putin manterá hoxe unha conversación telefónica internacional, sen desvelar se o seu interlocutor será o propio Trump.

O portavoz subliñou que Rusia non formulará a súa postura sobre a tregua ata coñecer de mans dos EUA os detalles sobre as negociacións que mantivo esta semana na cidade saudita de Xidá.

Á súa vez, lembrou que o asesor internacional do Kremlin Yuri Ushakov mantivo a véspera unha conversación telefónica co asesor para Seguridade Nacional de Estados Unidos Mike Waltz.

"Instamos os rusos a adherírense a este plan. Isto é o máis preto que estivemos da paz nesta guerra", asegurou Karoline Leavitt, portavoz da Casa Branca.

Rusia non se pronunciou aínda sobre a proposta de tregua, aínda que a pasada semana o ministro de Exteriores Sergei Lavrov a descartou á vez que rexeitou a posible presenza de tropas de paz europeas en Ucraína.

Rusia non quere unha tregua provisional, senón un "arranxo duradeiro"

O Kremlin aseguroue que Rusia non quere unha tregua provisional, xa que iso unicamente serviría como "respiro" para o Exército ucraíno, senón un "arranxo pacífico duradeiro".

Unha tregua "non é outra cousa que un respiro provisional para os soldados ucraínos. Nada máis (...) O noso obxectivo é un arranxo pacífico duradeiro que teña en conta os intereses lexítimos do noso país", dixo Yuri Ushakov, asesor internacional do Kremlin, á canle de televisión Rossía 1. Ushakov asegurou que así llo manifestou o mércores por teléfono ao asesor para Seguridade Nacional de Estados Unidos, Mike Waltz.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade