Publicador de contidos

Publicador de contidos

A subida do SMI e o IRPF, por Maite Cancelo

OPINIÓN

A subida do SMI e o IRPF, por Maite Cancelo

Declaración da renda (Europapress Arquivo)
G24.gal/Maite Cancelo 12/02/2025 08:07

No goberno de España xurdiu unha nova disputa, esta vez entre as carteiras de Traballo e de Facenda. A ministra Yolanda Díaz, acordou cos sindicatos (polo que non é un pacto dentro da mesa do diálogo social, ao non ser apoiado polos empresarios) unha subida do Salario Mínimo Interprofesional (SMI) para este ano do 4,4 %. Son 50 euros máis ao mes, con 14 pagas, polo que o aumento anual é de 700 euros e o montante total é de 16.576 euros anuais.

Os salarios sempre se establecen en termos brutos, o que evita ter en conta a situación fiscal individual dos traballadores, polo que logo hai que descontar as cotizacións á Seguridade Social por parte dos mesmos e os impostos que sexan de aplicación, neste caso, o IRPF, para determinar o salario neto, o que realmente percibe o traballador.

No caso do IRPF, ata o de agora, o que se denomina o mínimo exento do imposto, estivo vinculado co montante do SMI, pero este ano, o Ministerio de Facenda decidiu non actualizalo, polo que moitas persoas que o perciban, terán que contribuír ás arcas do Estado en función das súas circunstancias (posibles deducións ou non que lles sexan de aplicación). O ano pasado este mínimo exento estableceuse nos 15.876 euros anuais, cifra coincidente co SMI aprobado para o 2024 e que se mantén para o 2025.

Pero antes de entrar en posibles exemplos do impacto desta decisión, lembremos quen está obrigado a presentar a declaración da renda:

Os asalariados cun pagador, cando os seus ingresos son superiores a 22.000 euros brutos anuais.

Os asalariados con dous ou máis pagadores cando os seus ingresos son superiores a 15.000 euros brutos anuais.

Todas as persoas que obtivesen o Ingreso Mínimo Vital.

Todos os autónomos cando ingresen máis de 1.000 euros anuais

O anterior hai que matizalo co que implica o mínimo exento, que é a parte da base impoñible do imposto que a lei libera do gravame e constitúe un límite que, cando se supera, se se comeza a tributar. A non actualización deste límite é o que provoca que o goberno vai obrigar a pagar IRPF, por primeira vez, a máis de medio millón de traballadores que estaban exentos de tributar por este imposto por cobrar o SMI e que, ademais, sairalles a pagar.

En canto a que cantidade terán que pagar, ou non, será función da situación persoal de cada contribuínte, ás deducións ás que se poida acoller e en que CC.AA. ten a súa residencia.

Se analizamos os primeiros tramos do imposto, o inicial vai ata uns ingresos de 12.450 euros anuais, que tributaría ao 19 %. O seguinte chegaría ata os 20.200 euros e un tipo do 24 %. En función destes tramos e das deducións, como o mínimo persoal, algún exemplo que pon Facenda é o dun traballador cun salario de 18.500 euros anuais tería unha retención de 1.126,6 euros ao ano. Iso si, tras presentar a declaración, sairá positiva ou negativa, como diciamos, en función das deducións que poida aplicar e, mesmo, da comunidade autónoma na que resida.

En calquera caso, este cambio de estratexia do Ministerio de Facenda que, ata o de agora, foi axustando o mínimo exento en función do SMI, está claro que se basea nunha necesidade de aumentar a recadación do Estado para poder pagar todos os gastos sociais e non tanto que se están xerando. Ademais, o aumento do número de perceptores do SMI, con incrementos salariais maiores que noutras pinzas, fai que nesta franxa salarial estea a concentrarse un número cada vez máis elevado de traballadores, que agora mesmo non están a contribuír ao sistema con este imposto. E o dilema é o de sempre: aumento en recadación para asumir novos gastos aprobados polo goberno ou axustar estes para que a presión fiscal non siga minguando a capacidade adquisitiva dos españois.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade