A U.D. Ourense ascende á Segunda RFEF con tres xornadas de antelación
O equipo ourensán acadou contra o Silva o punto que precisaba para proclamarse campión da Terceira
A UD Ourense xa é equipo da Segunda Federación. Por primeira vez na historia, o conxunto ourensán creado trala desaparición do C.D. Ourense en 2014 militará nesa categoría, despois dunha temporada espectacular que culmina co campionato do Grupo Galego de Terceira, e co ansiado ascenso.
O cadro que adestra Borja Fernández acadou o punto que necesitaba no campo do Silva, nun encontro en que se adiantou cun gol de Luismi aos sete minutos. Axiña igualou para os coruñeses Carlos. Quedaba practicamente todo o partido, pero o marcador xa non se moveu.
Co asubío final, desatouse a tolemia por parte do medio milleiro de afeccionados que acompañou ao equipo ourensán. As celebracións por este primeiro ascenso a unha categoría estatal durarán aínda toda a xornada, e trasládanse pola tarde á Cidade das Burgas.