A UE amplía as sancións a Rusia cando fai tres anos de guerra en Ucraína
O Consello de ministros de Exteriores da UE veta a importación de aluminio primario e amplía a listaxe de buques "pantasma" que axudan a Moscova

A Unión Europea (UE) aprobou este luns formalmente máis sancións contra a chamada “frota pantasma” rusa, que axuda o Kremlin a esquivar as restricións contra o comercio de petróleo; e prohibe as importacións de aluminio de Rusia. Así se recolle no décimo sexto paquete de sancións contra Rusia apoiado polo Consello de ministros de Exteriores da UE cando se cumpren tres anos da invasión rusa en Ucraína.
Bruxelas destaca as novas restricións á importación de aluminio primario, que xera, din, "importantes ingresos para Rusia" e engade 74 buques á listaxe dos petroleiros non comunitarios que prestan unha ampla gama de servizos a Moscova relacionados co transporte marítimo.
En total, son xa 153 os buques que eluden o mecanismo de limitación do prezo do petróleo ruso e son responsables do transporte de material militar para ese país, precisou o Consello nun comunicado.
Ademais, por primeira vez, a UE impuxo unha prohibición de transaccións ás entidades de crédito ou financeiras establecidas fóra de Rusia que utilicen o sistema de transferencia de mensaxes financeiras (SPFS) do Banco Central de Rusia, que se usa para neutralizar o efecto das medidas restritivas.
Tamén se ampliou a prohibición de prestar servizos especializados de mensaxería financeira a 13 bancos rexionais considerados importantes para os sistemas financeiro e bancario rusos.
O Consello engadiu así mesmo 53 novas entidades á listaxe das que apoian directamente ao complexo militar e industrial de Rusia na súa guerra de agresión contra Ucraína.
Estarán suxeitas a restricións máis estritas á exportación de bens e tecnoloxías de dobre uso (civil e militar), así como de bens e tecnoloxía que poidan contribuír á mellora tecnolóxica do sector ruso de defensa e seguridade. Un terzo destas entidades son rusas, mentres que as demais están situadas en terceiros países.
Ademais, introducíronse novas restricións ás exportacións de bens que contribúen a mellorar as capacidades industriais rusas e suspendéronse as licenzas de radiodifusión na UE de oito medios de comunicación rusos “baixo control permanente” do Kremlin.
O paquete de medidas prohibe calquera transacción con determinados portos, esclusas e aeroportos de Rusia que se utilicen para a transferencia a ese país de drons, mísiles e compoñentes relacionados, ou para eludir o límite do prezo do petróleo ou outras medidas restritivas.
Para garantir a eficacia das medidas restritivas da UE dirixidas ao sector da aviación, o Consello decidiu ampliar a prohibición de voos da UE ás compañías aéreas incluídas na lista de sancionados.
Ademais, reforzou a prohibición existente do transporte de mercadorías por estrada no territorio da UE, mesmo en tránsito, por parte de operadores que sexan propiedade nun 25 % ou máis dunha persoa física ou xurídica rusa.
Impuxéronse novas restricións ás exportacións de bens e tecnoloxía, en particular programas informáticos, relacionados coa prospección de petróleo e gas de Rusia, e prohibiuse a subministración de almacenamento temporal de cru e produtos petrolíferos rusos dentro da UE.
Prohibiuse ademais prestar servizos de construción e, para loitar contra a reexportación ilegal de mercadorías sancionadas da UE, esíxese aos operadores europeos que vendan mercadorías sensibles a terceiros países que apliquen mecanismos de dilixencia debida.
Finalmente, aplicaranse a Bielorrusia, aliado de Moscova, o mesmo tipo de sancións comerciais en vigor contra Rusia, e aumentaranse as restricións a Crimea e Sebastopol e determinadas zonas de Ucraína non controladas polo Goberno ucraíno.