A Xunta recupera a coordinación da emerxencia e acorda retomar as clases este mércores
Tras a reunión co Goberno central, Galicia volve ao nivel 2 de emerxencias porque "xa non se dan as circunstancias" de emerxencia nacional que implica o nivel 3
Rueda lamenta as tres mortes en Taboadela
O Sergas reprograma as operacións adiadas
A Xunta recomenda non bañarse en praias e ríos nas próximas 24 horas
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou que Galicia volve ao nivel 2 de emerxencia, polo que este mércores os centros educativos abrirán con normalidade.
Nunha conferencia de prensa convocada esta tarde, avanzou que a Xunta volve tomar o control da situación porque “xa non se dan as circunstancias” para “entender unha emerxencia de carácter nacional”. Rueda sinalou que “hai poucos minutos” así llo trasladou o ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska, polo que a Xunta recupera o control e coordinación da emerxencia en todo o territorio galego.
O xefe do Executivo galego sinalou que, deste xeito, todas as xestións pasan a ser coordinadas pola Xunta. Así as cousas, funcionarán con normalidade os centros educativos e as escolas infantís, despois de que este martes só deran servizo de conciliación sen carácter lectivo.
"Explicacións convincentes do sucedido"
Alfonso Rueda dixo que "todos agardamos explicacións convincentes das causas” e dixo que as mesmas deben contar cun “aval técnico”. Insistiu na importancia de saber “que pasou” e “por que pasou” xa que esa será a fórmula para “delimitar responsabilidades no caso de que as haxa” e, ademais, “evitar na medida do posible que poida suceder” outro episodio destas características.
Pésame á familia dos falecidos
O presidente da Xunta lamentou "moitísimo" as mortes relacionadas na comunidade "dunha maneira ou outra" co apagamento xeneralizado, entre elas a perda de tres membros dunha familia en Taboadela. Alfonso Rueda dixo que o "primeiro e fundamental" é dirixirse aos familiares e achegados a estas persoas para trasladarlles esta mensaxe.
O Sergas reprograma intervencións
O presidente da Xunta explicou que, durante o apagamento, o servizo sanitario galego “atendeu o fundamental e máis urxente” mentres que agora estanse priorizando “as intervencións que quedaron sen facer e que tamén teñen “grao de urxencia”.
Confirmou tamén que todos os hospitais están a funcionar “co servizo eléctrico habitual”. Remarcou que a pesar das “lóxicas dificultades” os centros sanitarios de Galicia xa funcionaron este martes con normalidade atendendo citas polo que puxo en valor o traballo do persoal que traballa no Sergas.
O presidente da Xunta recomendou á cidadanía que, “no ámbito da saúde pública”, evite bañarse en praias ou ríos ante a falta de subministración que puido provocar por “deficiencias no tratamento de augas”.
Noutra orde de cousas, Rueda taménavanzou a publicación dunha resolución nun DOG extraordinario na que se dispón a ampliación xeral dos prazos nos procedementos administrativos como consecuencia da interrupción xeneralizada polo apagamento.
Tamén agradeceu o xefe do Executivo galego o papel dos medios de comunicación e á cidadanía en xeral o "civismo" e "serenidade" a pesar da situación de incerteza.