Alonso, segundo no Canadá por detrás dun intratable Verstappen
Alonso, segundo no Canadá por detrás dun intratable Verstappen
Hamilton completou o podio, mentres Carlos Sainz remataba na quinta praza
Fernando Alonso segue ofrecendo un rendemento espectacular esta temporada, pero a xa famosa vitoria número 33 da súa carreira continúa resistíndose por culpa dun intratable Verstappen. O dos Países Baixos segue con paso firme cara ao seu terceiro título consecutivo.
Non fixo unha boa saída Alonso, ou, mellor dito, Hamilton foi o máis rápido e conseguiu superar o asturiano na primeira curva. Por diante, Verstappen marchaba cómodo na primeira posición, e por detrás, Carlos Sainz pelexaba con todo o mundo moi incómodo.
Co paso das voltas, Russell comezou a axexar a Alonso, ata que perdeu o control nunha curva e a picada na roda traseira deu lugar ao safety car e á parada en boxes dos primeiros clasificados. Non parou Carlos Sainz, que pelexaba pola quinta praza con Pérez e, tras o reinicio da carreira, comezou a achegarse a Leclerc.
Na volta 22, Alonso recuperaba o seu segundo posto cun grande adiantamento a Hamilton. As posicións mantivéronse ata a seguinte parada en boxes, primeira para os Ferrari, cando todas as escuderías foron chamando os pilotos para prever posibles incidentes.
Con rodas medias, Hamilton comezou a encadear voltas rápidas e a achegarse a Alonso, que as levaba duras, mentres a conta de voltas cara ao remate ía baixando. Pero Alonso aguantou ben a presión e conservou o segundo posto final por detrás de Verstappen. Terceiro rematou Hamilton, seguido polos Ferrari de Leclerc e Sainz, que foi quinto.