As opcións de ascenso esfúmanse na Malata
As opcións de ascenso esfúmanse na Malata
O Rácing empata ante o Leganés e queda sen posibilidades de entrar na promoción (2-2)
A Malata vestiuse coa mellor das súas galas para recibir un Leganés que, igual que o Rácing, xogaba todo. Os de Cristóbal necesitaban gañar e confiar en que os resultados foran afíns aos seus intereses.
Os primeiros minutos foron para un Rácing que comezou mordendo con todo. O Leganés tampouco afrouxaba e o ritmo era moi alto dende os primeiros intres. As chegadas pola dereita de Cubero eran a principal arma ofensiva dos locais que aos 8 minutos de partido xa botaran unha falta lateral e fixeran outra ocasión cun centro que foi despexado pola defensa madrileña. O Rácing mordeu moito máis nos primeiros dez minutos e o Leganés non era quen de reaccionar. Os madrileños demostraron por que están aí arriba e cando menos o parecía apareceu Miguel para rematar de cabeza un balón que pasou moi preto da portería de Cantero. No minuto 16 o mesmo protagonista finalizaría unha xogada polo lado esquerdo da área e ao primeiro toque adiantaría aos seus. O Rácing estaba a xogar mellor pero o Leganés era máis eficaz.
Chegada a media hora o guión mantíñase practicamente igual, o Rácing seguía a tela e a buscala e o Leganés mantíñase pechado no seu campo e saíndo cando tiña a oportunidade. O marcador seguía sen moverse mentres o Rácing apertaba cada vez máis sen a sorte do gol por moito que roldase a área do Leganés. Xusto antes do descanso Iker Losada rematou outro dos centros laterais postos dende a dereita coa fortuna de que o balón bateu na man do defensa do Leganés e o árbitro asubiou penalti. Álvaro Giménez non fallaba e o partido marchaba ao descanso cun empate merecido para un Rácing que levou a iniciativa do xogo.
Á volta de vestiarios o Leganés cambiou o seu plan de partido, comezou abafando arriba o Rácing no canto de seguir agardando atrás. Nese momento o Oviedo adiantábase no seu partido e as opcións ferrolás diminuían cada vez máis. A esperanza racinguista estivo lonxe de decaer. Ávaro Giménez e Iker Losada movíanse preto da liña de centrais do Leganés e conseguiron xerar perigo tanto en balóns ás costas como sendo indetectables por detrás do mediocampo. A máis clara do Rácing foi un tremendo golpeo de Pinchi dende a frontal que por uns intres pareceu gol pantasma, pero logo o VAR comprobou que non pasara por completo da liña de gol.
A falta de dez minutos para o final unha gran xogada combinativa iniciada, levada e finalizada por Juan Cruz adiantou ao Leganés. Nese momento as opcións do Rácing desaparecían por completo e o Leganés era equipo de primeira división. Nos intres finais o Rácing era todo valentía pero o Leganés estaba a defenderse con todo e non mostraba debilidades. No mesmo engadido o árbitro pitaba penalti de Nyom por meterlle o cóbado na faciana a Iker Losada mentres protexía o balón. Manu Justo transformou o penalti e a Malata toleaba soñando con outro gol que permitira ao Rácing seguir con opcións do ascenso. O tempo non foi dabondo e o árbitro asubiou o final co resultado de dous a dous.
O Rácing de Ferrol queda sen opcións de entrar na promoción de ascenso á primeira, malia ter realizado un partido máis que digno fronte ao líder da categoría.