Un penalti inexistente derruba o Ourense C. F. no Johan Cruyff (3-0)
Un penalti inexistente derruba o Ourense C. F. no Johan Cruyff (3-0)
Os das Burgas mereceron moito máis ante un rival que sentenciou nun cuarto de hora
O penalti asubiado a Moisés serviulle a Barberá para abrir a conta, sentenciaron Toni Fernández e Guillermo
O Ourense C. F. saíu sen complexos no campo do filial do Barcelona, e gozou de boas ocasións ata que, un despexe co peito de Moisés foi convertido nun penalti polo colexiado. Ía media hora de partido, e o 1-0 de Barberá deixou tocados aos de Rubén Domínguez, que gozaran de dúas moi boas ocasións que non puideron culminar co empate a 0.
Ao Barça Atlètic acontécelle todo o contrario. Ten moita calidade arriba e, no último cuarto de hora da primeira metade, evidenciouno. Unha acción espectacular ao primeiro toque, que enviou á rede Toni Fernández cun acrobático remate.
Aínda na primeira metade, Guillermo culminou unha contra con outro remate pola escuadra que enviou aos xogadores a vestiarios cun tres a cero que pesaba xa como unha lousa.
Na segunda metade, o Ourense tamén gozou de aproximacións de perigo, pero a vantaxe local permitíalle ao filial xogar coa calma precisa para manter a súa porta a 0 con seguridade.
O resultado deixa o Ourense C. F. como pechacancelas da clasificación cun so punto logo de tres xornadas.