Publicador de contidos
Publicador de contidos

A torre de refrixeración de Meirama di adeus cunha voadura controlada

A torre de refrixeración de Meirama di adeus cunha voadura controlada

A Televisión de Galicia emite a demolición controlada

A central de Meirama estivo en actividade ininterrompida 40 anos
G24.gal 21/12/2022 08:24 Última actualización 21/12/2022 14:52

Ás tres desta tarde será derrubada a gran torre da antiga térmica de Meirama mediante unha explosión controlada. Un amplo dispositivo de seguridade despregarase na zona. Cortarase o tráfico na estrada entre Ordes e O Mesón do Vento e desaloxaranse os veciños que viven preto do complexo. A Televisión de Galicia emitirá en directo a voadura da cheminea que leva en pé desde 1980. 

Foi un emblema que formou parte durante décadas da paisaxe da comarca e que mantivo durante 40 anos unha actividade ininterrompida. A central térmica de Meirama leva inactiva dende o 2020. Unha voadura controlada acabará, dentro dunhas horas, coa chamada torre de refrixeración, que ten unha altura aproximada de 126 metros. A torre de formigón consta de 53 piares e acumula un volume de máis de dez mil toneladas. 

A demolición porá fin a toda unha era. A central foi construída entre 1976 e 1980, despois dunha forte polémica pola expropiación iniciada pola entón Unión Fenosa. Unha importante revolta veciñal, encabezada polo cura das Encrobas, tentou paralizala sen éxito durante anos. Finalmente entrou en funcionamento en 1981 e a central acabouse convertendo no principal empregador da comarca de Cerceda e Ordes. 

Tras a derruba da torre de refrixeración, o seguinte será a outra gran cheminea, de 204 metros de altura, que se prevé tirar nos próximos meses. 

Despois, Naturgy planea revitalizar a zona da central térmica cunha nova planta que produza combustible de hidróxeno. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade