Publicador de contidos
Publicador de contidos

Biden recoñece que quizais non poida salvar a súa candidatura, publican medios norteamericanos

Biden recoñece que quizais non poida salvar a súa candidatura, publican medios norteamericanos

A Casa Branca desmente a información

O presidente recoñeceu onte que "case queda durmido" no debate contra Trump

Trump arremete contra un titubeante Biden no seu primeiro cara a cara

G24.gal 03/07/2024 17:31 Última actualización 03/07/2024 19:27

O presidente dos Estados Unidos, Joe Biden, recoñeceu ante un aliado clave que quizais non poida salvar a súa candidatura se non pode convencer ao público nos próximos días de que está preparado para o posto, segundo unha información publicada este martes polo diario New York Times.

Ata o de agora, o presidente mantívose publicamente firme en continuar coa campaña de reelección á Casa Branca, a pesar das críticas do seu propio partido despois do seu desastroso desempeño no debate da semana pasada contra Donald Trump.

Aínda que o aliado "aínda está profundamente inmerso na loita pola reelección", entende que as súas próximas aparicións en televisión e en actos públicos teñen que ir ben.

A persoa, sinala o New York Times, falou baixo condición de anonimato para discutir "unha situación delicada" e, segundo este diario, este é o primeiro indicio que se fai público de que o presidente está a considerar seriamente se poderá recuperarse despois dunha actuación devastadora no escenario do debate en Atlanta.

Un alto asesor de Biden, que tamén falou baixo condición de anonimato, afirmou que o presidente é "moi consciente do desafío político que enfronta".

Biden foi duramente criticado pola súa actuación no debate no que proxectou unha imaxe envellecida, con voz rouca e dificultades para concluír algunhas das súas frases, aumentando as dúbidas entre os votantes e membros do Partido Demócrata sobre a súa capacidade para seguir gobernando e enfrontarse a Trump nas eleccións de novembro.

O presidente, de 81 anos, recoñeceu onte que "case queda durmido" no debate contra Trump e atribuíu o cansazo ás viaxes que realizara só días antes a Italia para o cume do G7 e a Francia para o 80 aniversario do desembarco de Normandía. 

A Casa Branca e o equipo de campaña desmenten a información

Minutos despois de que o diario publicase esta información, o subsecretario de prensa adxunto da Casa Branca, Andrew Bates, asegurou nunha mensaxe en redes sociais que "esa afirmación é absolutamente falsa".

"Se o New York Times nos concedera máis de 7 minutos para comentar, diriámosllo", apuntou.

Pero tras a publicación da prestixiosa cabeceira neoiorquina, a cadea CNN publicou un artigo similar, citando tamén a fontes próximas ao mandatario.

A canle afirmou que o presidente recoñeceu en privado a "un aliado" que os próximos días son fundamentais para poder salvar a súa candidatura á reelección presidencial e que comprende o que o impulsaría a aceptar que "simplemente non está a funcionar".

Sería un escenario no que "as enquisas están a caer en picado, a recadación de fondos está a esgotarse e as entrevistas van mal", dixo esa persoa. "El non é alleo", "ve o momento", "ten os ollos claros", agregou.

A campaña do presidente de Estados Unidos, Joe Biden, tamén afirmou este mércores que as informacións sobre a súa posible retirada son "falsas" e que o mandatario está decidido a continuar a súa carreira para a reelección e a vencer ao exmandatario Donald Trump nas eleccións de novembro.

Fontes da campaña dixeron que é "falso" que Biden dixese en privado a un aliado clave do seu círculo próximo que talvez non poida salvar a súa candidatura.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade