BNG e PSOE pactan facer a Goretti Sanmartín alcaldesa de Santiago
BNG e PSOE pactan facer a Goretti Sanmartín alcaldesa de Santiago
Os socialistas aínda non decidiron se entrarán no Goberno do concello facendo coalición cos nacionalistas
A candidata do BNG é partidaria de ter un acordo pechado cun grupo “amplo e estable”
Desde as filas socialistas lamentan as présas e non descartan que a decisión de entrar no goberno municipal se tome despois da investidura
Goretti Sanmartín aspira a ser a primeira alcaldesa de Santiago, e tamén a primeira nacionalista á fronte da capital galega. Para logralo aposta por un goberno de coalición tripartito progresista, e as negociacións para lograr ese pacto arrancaron este mediodía co PSdeG nun hotel compostelán.
Unha primeira toma de contacto en que os dous equipos falaron das súas prioridades. Esa primeira reunión entre os grupos municipais do BNG e do PSOE en Santiago serviu para adiantar que os socialistas apoiarán a dirixente nacionalista Goretti Sanmartín para que sexa a nova alcaldesa da capital galega, pero o que non decidiron aínda é se entrarán no novo goberno municipal.
"Emprazámonos a continuar falando sobre esas posibilidades que o BNG pon enriba da mesa, para conseguir ese goberno estable e amplo que este concello precisa", dixo Sanmartín. Con todo, os nacionalistas din que están preparados para gobernar en solitario.
Sanmartín explicou á prensa alí congregada que este “primeiro encontro” serviu como toma de contacto e permitiu abordar cuestións programáticas nas que existen “coincidencias nalgúns puntos”, pero tamén aspectos en que “as coincidencias non son tantas”.
Con todo, a concelleira do Bloque confiou en que no próximo encontro si se fale da configuración do equipo de goberno, xa que a ela gustaríalle poder contar xa desde o día 18 cun grupo “amplo e estable”, máis aló dos seis edís cos que contan os nacionalistas.
Sanmartín é partidaria de rubricar un acordo “canto antes” porque a cidade “non pode esperar”, dado que hai, baixo o seu criterio, “moitísimas urxencias e necesidades” que atender.
Compartiu que ten esperanza en que se chegue a un entendemento antes do 17, aínda que “hai que respectar os tempos das distintas organizacións” nun momento en que o PSOE “quere ir cun ritmo máis acougado”.
A pesar diso, desde o BNG non descartan que se poida conformar un “tripartito" -sumando tamén a Compostela Aberta- despois do día 18.
No PSdeG non teñen présa. Confirman que apoiarán a Sanmartín, pero queren tempo para decidir se entran no Goberno municipal.
Tras a renuncia de Xosé Sánchez Bugallo, a interlocución recae na súa número dous, Mercedes Rosón, que abre a posibilidade a que esa decisión se tome despois do pleno de investidura. A executiva dos socialistas galegos reúnese esta tarde para marcar as liñas xerais dos pactos en Galicia.
"Os pactos aos que chegamos no pasado co BNG non se resolveron moitos deles antes do pleno de constitución, cremos necesaria unha reflexión", dixo a tenente de alcalde en funcións, que tamén apela á igualdade numérica porque os dous partidos obtiveron seis concelleiros, malia que o BNG recibiu máis votos.
Rosón considera que o seu grupo “unido” debe deliberar respecto das decisións para tomar no futuro e, por iso, lamentou as “présas” que, ao seu xuízo, teñen desde o BNG e desde os medios de comunicación, mesmo.
A edil compostelá, que o mandato que conclúe foi tenente de alcalde, expuxo que o grupo socialista, tras a derrota electoral que os deixou como terceira forza na corporación, necesita dun “exercicio de reflexión total” e de “serenidade” para tomar decisións.
“Temos moi claro o que expresou a cidadanía de Compostela e colócanos nunha situación de igualdade numérica e iso non é igual que noutros momentos”, incidiu Rosón como xustificación para tomar unha decisión sosegada.
Deste xeito, dixo que non hai un tempo concreto nin marcado para tomar decisións e que “non se descarta nada” sobre como proceder, aínda que a prioridade son “os intereses de Compostela”.
Ademais, lembrou que ela accedeu ao concello, por primeira vez, en xuño de 2003 no inicio do mandato e non foi ata febreiro do ano seguinte cando se asinou o acordo de goberno, de maneira que agora non é partidaria de “présas”.
“Necesitamos un marco de prudencia para poder avanzar”, reiterou a edil do PSOE.
Mañá, a candidata nacionalista reúnese coa cabeza de lista de Compostela Aberta para pedir o apoio dos seus dous concelleiros.