Publicador de contidos
Publicador de contidos

O PP aproba en solitario o ditame da comisión de investigación sobre os contratos da Xunta

O PP aproba en solitario o ditame da comisión de investigación sobre os contratos da Xunta

O PP celebrou "as exequias" deste órgano parlamentario que cre que estivo "morto case antes de nacer"

Para a oposición, aínda que esta comisión non cumpriu os obxectivos, serviu para constatar "unha deriva antidemocrática do PP" e un "lamentable episodio de corrupción"

O ditame di que "quedou acreditado que non houbo sobrecusto" na construción do hospital Álvaro Cunqueiro e tampouco hai "ningunha tacha de legalidade" nos contratos menores ou de urxencia realizados pola Xunta nos últimos anos

A lei de medios públicos continúa a súa tramitación no Parlamento cos votos do PPdeG

Pleno do Parlamento de Galicia
G24.gal 28/01/2025 13:14 Última actualización 28/01/2025 14:21

O PPdeG deu este martes por finiquitada a comisión de investigación sobre a contratación pública da Xunta coa aprobación dun ditame de conclusións no pleno do Parlamento rexeitado pola oposición, que apostou por apelar á xustiza.

Cando pasaron algo menos de catro meses da constitución desta comisión, impulsada polo BNG, o grupo maioritario celebrou  hoxe "as exequias" deste órgano parlamentario que cre que estivo "morto case antes de nacer", segundo afirmou o deputado do PPdeG Roberto Rodríguez.

Para os grupos da oposición, aínda que esta comisión non cumpriu os obxectivos para os que se creou, fundamentalmente polo "veto" dos populares desde o seu inicio, si que serviu para constatar "unha deriva antidemocrática do PP" e un "lamentable episodio de corrupción", asegurou o deputado nacionalista Iago Tabarés.

Por parte do PSdeG, a deputada Elena Espinosa dixo que a comisión foi "un exercicio de opacidade" do PP, polo que constitúe "un recoñecemento explícito de culpabilidade" pola súa banda e considera que o Parlamento debe seguir investigando ou, pola contra, sempre quedará a "vía xudicial", advertiu.

Ambos os grupos presentaron votos particulares ao ditame para rebater as conclusións aprobadas xa en comisión, tamén só polo PPdeG, de que "quedou acreditado que non houbo sobrecusto" na construción do hospital Álvaro Cunqueiro e tampouco hai "ningunha tacha de legalidade" nos contratos menores ou de urxencia realizados pola Xunta nos últimos anos.

E é que se algo consideran que se demostrou é a "contratación discrecional" por parte da Xunta e "a clara existencia de irregularidades" nos contratos menores e os de emerxencia durante a pandemia, apuntou Tabarés, así como o "sobrecusto" de 470 millóns de euros ao optar a Xunta por construír o Cunqueiro cun modelo de concesión.

O PPdeG rexeitou estes dous votos particulares, á vez que incorporou un propio ao texto final para rebater os da oposición, á que acusou de "difamar" e facer "unha guerra de infamia infinita" e ata de sufrir "paranoia" polas súas acusacións de que a Xunta beneficiou a empresas de familiares do PP cos contratos públicos dos últimos anos.

O único deputado do grupo mixto, Armando Ojea, tamén votou en contra do ditame co cre que o PP pretende "botar terra definitivamente" sobre este asunto e mesmo "sae fortalecido", porque "o que non che mata faiche máis forte", despois de abusar "do seu poder na comisión".

A comisión de investigación constituíuse o 4 de outubro e iniciou as comparecencias o 22 de novembro, cun total de 36 comparecentes en tres semanas, e nunha reunión do 27 de decembro quedou aprobado xa de maneira inicial do ditame, por parte do PPdeG, grupo maioritario na Cámara, en solitario.

Tanto o PSdeG como o BNG criticaron a ausencia do líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, unha comparecencia "clave" dado que foi presidente da Xunta durante gran parte do período de contratación investigado e que algunhas das empresas concesionarias estaban vinculadas a familiares seus, como Eulen ou Universal Support, e reprocharon ao PP "bloqueala".

As críticas de nacionalistas e socialistas ao funcionamento desta comisión foron continúas, e o BNG incluso presentou un recurso ante o Tribunal Constitucional por posible vulneración dos dereitos dos seus deputados, unha vía xudicial que o PSdeG tamén se mostrou disposto a explorar aínda que sen concretala.

Para o PPdeG esta foi a comisión "da difamación" e do "esperpento" por parte da oposición, que só "exercen de policía da moral da contratación pública a tempo parcial", polo que Rodríguez recomendoulles un deseño para un camiseta co lema "En Galicia non houbo nin Koldos nin Aldamas".

Esta é a frase que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, dixo na súa comparecencia na comisión para descartar que en Galicia se produzan casos de corrupción como no Goberno central. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade