Boiro e Arousa agardan o premio gordo no sorteo deste martes na Copa do Rei
Boiro e Arousa agardan o premio gordo no sorteo deste martes na Copa do Rei
O Boiro ten garantido un equipo de Primeira e o Arousa agarda que o bombo lle sexa propicio
Celta, Rácing, Deportivo, Arenteiro, Lugo e Compostela completan o elenco de equipos galegos que entran en xogo
Logo de completarse as primeiras semanas de competición en Liga e Europa chega o momento da Copa do Rei. Este martes (12:30 horas) celebrarase o sorteo da primeira eliminatatoria. O torneo do KO sempre garante emocións nas eliminatorias, sorpresas e días moi especiais para equipos de inferior categoría que poderán recibir no seu campo a un cadro de Primeira División.
É o caso do Boiro, que ten garantido ese premio como un dos dez equipos que saíron da fase previa con equipos da Preferente, a sexta categoría do fútbol español. Tamén o Arousa ten posibilidade de que lle toque un equipo de Primeira aínda que a porcentaxe é maior para saír emparellado cun equipo da Segunda División.
Os que agardan ser partícipes desas festas e que o farán como visitantes son o Celta, da máxima categoría, e o Rácing, da Segunda División.
Tamén entran no bombo o Compostela, da 2ª RFEF, o Lugo, o Deportivo e o Arenteiro da Primeira RFEF. Son os oito equipos galegos que comezan o camiño da Copa.