Chiqui fai campión de inverno ao Pontevedra en Ávila (1-2)
Chiqui fai campión de inverno ao Pontevedra en Ávila (1-2)
Os de Yago Iglesias gañaron no campo dun rival difícil con dobrete do xogador de Mérida
O equipo granate ten seis puntos de vantaxe antes de que xogue o Numancia
O Pontevedra colleu a onda boa neste treito da temporada. Os de Yago Iglesias acumulan once vitorias e dous empates nos últimos trece partidos, contando as dúas eliminatorias de Copa que superaron contra rivais de superior categoría. Nesta xornada venceron no campo do Ávila, conxunto acabado de ascender pero que chegaba na terceira posición da táboa. O triunfo veu da man de Chiqui, autor dos dous tantos do cadro pontevedrés. E, ademais, tivo que ser con remontada. O cadro local adiantouse cando só ían 12 minutos, por medio de Rivas.
A chave do encontro estivo na rápida reacción dos galegos. Chiqui igualaba no 18, so seis minutos despois. O Pontevedra gozou aínda dun par de ocasións máis para adiantarse durante a primeira metade. E, xa na segunda, culminou a remontada. Aos vinte minutos, chiqui asinaba o un a dous que xa sería definitivo, e que lanza aos de Yago Iglesias ata os 39 puntos para pechar a primeira volta, o que lles garante o campionato de inverno.
No treito final do partido, produciuse unha imaxe pouco habitual. O local Cassio Junior perdeu os nervios, agrediu a Edu Sousa e viu o cartón vermello. Pero o chamativo aconteceu despois, cando tiveron que suxeitalo os seus compañeiros durante un bo anaco, ata que foi forzado a deixar o campo.