O Rácing perde na Romareda despois de estragar un penalti (1-0)
O Rácing perde na Romareda despois de estragar un penalti (1-0)
Os de Cristóbal foron superados na primeira parte, pero melloraron na continuación
Despois do tanto de Aketxe, Álvaro Giménez topou con Poussin desde os once metros
O Rácing volveu perder, desta volta pola mínima na Romareda, nun partido en que foi a máis, pero decidiu un gol de Aketxe, e o erro desde o punto de penalti de Álvaro Giménez, que topou con Poussin despois de forzar a pena máxima.
A primeira metade foi un monólogo por parte do Zaragoza, que chegaba tamén con moitas dúbidas logo da marcha de Víctor Fernández, e da chegada á Romareda de David Navarro. E o seu equipo respondeu. Quitoulle a pelota aos ferroláns, meténdoos no seu campo e creando ocasións clarísimas para adiantarse no marcador. Pero os de Cristóbal aguantaban o empate cun gran exercicio defensivo. E, co empate sen goles, chegouse ao descanso.
Na segunda metade, o Rácing mellorou. Conseguir ter algo máis de posesión, e mesmo pisou a área local con perigo. Pero foi entón cando chegou o gol do Zaragoza. Marcou Aketxe aos 63 minutos de encontro.
Pero o gol non freou ao Rácing, que confirmou a mellora da continuación e, aos 72 minutos, conseguía un penalti sobre Álvaro Giménez. O propio Álvaro lanzaba o penalti, pero sacáballo co pé Poussin. Un xerro de auga fría para un equipo que tivo que sobrepoñerse a un mal inicio, e que quedaba ás beiras do empate.
Nos últimos minutos, os de Cristóbal non xeraron ocasións claras, aínda que Álvaro Giménez pediu outro penalti nunha caída na área que non foi sancionada. No tempo engadido, Róber Correa foi expulsado despois dunha entrada por detrás para cortar unha contra maña. O 1-0 final mantén ao Rácing de antepenúltimo con 18 puntos.