Publicador de contidos
Publicador de contidos

Bruxelas ábrese a rebaixar a protección do lobo porque certas mandas son un "perigo"

Bruxelas ábrese a rebaixar a protección do lobo porque certas mandas son un "perigo"

A Comisión Europea habilitou un sistema para que as partes interesadas poidan presentar antes do 22 de setembro datos actualizados "sobre a poboación de lobos e os seus impactos"

EFE 04/09/2023 13:16

A presidenta da Comisión Europea Ursula von der Leyen implicouse este luns no debate sobre os grandes carnívoros na UE ao sinalar que algunhas concentracións de lobos son "un verdadeiro perigo" para o gando e as persoas, e abriuse a rebaixar a protección de que gozan eses animais.

"A concentración de mandas de lobos nalgunhas rexións europeas converteuse nun verdadeiro perigo para o gando e potencialmente tamén para os seres humanos. Insto as autoridades locais e nacionais a tomaren medidas cando sexa necesario. De feito, a lexislación actual da UE xa lles permite facelo", declarou Von der Leyen nun comunicado.

O Executivo comunitario, que ata o de agora defendera a idoneidade da protección reforzada para o Canis lupus, inaugurou así "unha nova fase" na xestión do lobo, para o que habilitou un sistema para que as partes interesadas poidan presentar antes do 22 de setembro datos actualizados "sobre a poboación de lobos e os seus impactos".

"O retorno do lobo ás rexións da UE das que estivo ausente durante moito tempo está a levar cada vez máis a conflitos coas comunidades locais de agricultores e cazadores, especialmente naqueles lugares onde non se implante amplamente medidas para previr ataques ao gando", razoa a Comisión Europea.

Conforme aos datos recompilados, o Executivo comunitario estudará "modificar, se é necesario, o estado de protección do lobo na UE e actualizar o marco legal, para introducir, cando sexa necesario, maior flexibilidade, á luz da evolución desta especie".

Con todo, Bruxelas precisou que coa lexislación vixente as autoridades nacionais e locais teñen marxe para tomar medidas "cando sexa necesario", con axuda financeira da Comisión Europea.

A reacción da Comisión prodúcese a menos dun ano das eleccións ao Parlamento Europeo e nun contexto de malestar entre parte dos agricultores respecto á protección da biodiversidade, pola tramitación da Lei de Restauración da Natureza.

Bruxelas dá resposta así á resolución aprobada pola Eurocámara o pasado novembro, en que se pedía que se modificase o estatuto de protección do lobo, un texto que abarcaba tamén os osos.

En España, por exemplo, as chamadas "comunidades lobeiras" (Galicia, Asturias, Cantabria e Castela e León), iniciaron antes desa resolución unha campaña para abordar a situación no ámbito comunitario.

O pasado setembro, os responsables de medio ambiente desas comunidades autónomas reuníronse co comisario europeo do ramo Virginijus Sinkevicius para informarlle sobre a que consideran unha incorrecta xestión estatal do lobo nos seus territorios e o aumento dos ataques contra as explotacións gandeiras.

Esas rexións acordaron achegar información precisa sobre a situación á Dirección Xeral de Medio Ambiente do Executivo comunitario para a súa posterior avaliación.

Pero o Goberno de España, xunto con outros 11 países da UE (Bulgaria, Alemaña, Grecia, España, Irlanda, Chipre, Luxemburgo, Austria, Portugal, Romanía e Eslovenia), enviou o pasado febreiro unha carta a Bruxelas pedindo que non se modificase a protección da que goza o lobo.

"O lobo gris, xunto co lince eurasiático e outros carnívoros, desempeña un papel indispensable na regulación da abundancia de poboacións de caza e na mellora da súa saúde", sinalaron naquela misiva.

No último ano, a Comisión foi recompilando datos sobre as poboacións deses carnívoros nesas e outras rexións europeas, pero esa información "aínda non proporciona unha imaxe completa suficiente para que a Comisión deseñe accións adicionais, e hoxe a Comisión amplía esta consulta", indicou o Executivo.

"Sería difícil para min adiantarme ao que esta revisión podería supoñer", declarou en conferencia de prensa o portavoz de Medio Ambiente da Comisión Europea Adalbert Jahnz.

A Directiva de Hábitats outorga "unha protección estrita" á maioría das poboacións de lobos en Europa, coa posibilidade de derrogala en certos supostos, incluído "a protección dos intereses socioeconómicos".

Dáse a circunstancia de que a propia Von der Leyen, moi afeccionada á hípica e aos equinos, se viu persoalmente afectada pola situación, pois en setembro de 2022 un lobo identificado como GW950m matou un poni de 30 anos chamado Dolly que a conservadora xermana tiña nunha das súas propiedades da Baixa Saxonia, no noroeste de Alemaña.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade