A Comisión Europea presentou este mércores unha proposta para crear unha primeira lista de países de orixe considerados “seguros”, co obxectivo de axilizar a tramitación das solicitudes de asilo na Unión Europea e facilitar o rexeitamento das que considere “potencialmente infundadas”.
A listaxe inclúe inicialmente a Marrocos, Colombia, Bangladesh, Exipto, India, Kosovo e Tunicia, e será "dinámica", polo que poderá modificarse segundo a evolución política e social deses países.
A Comisión tamén considera que os países candidatos á adhesión á UE cumpren, en principio, os criterios para seren considerados seguros, dado que deben garantir o respecto á democracia, o Estado de Dereito, os dereitos humanos e a protección das minorías. Con todo, establece tres excepcións que permitirían excluír un país candidato da listaxe:
-
Se está inmerso nun conflito bélico, como é o caso de Ucraína.
-
Se está sometido a sancións europeas.
-
Se a taxa de recoñecemento de solicitudes de asilo dese país supera o 20 % na UE (algo que non sucede actualmente con ningún dos candidatos, segundo fontes comunitarias).
Os países candidatos á UE na actualidade son Albania, Bosnia-Hercegovina, Xeorxia, Moldavia, Montenegro, Macedonia do Norte, Serbia, Turquía e Ucraína. Kosovo é considerado candidato potencial, pero a súa solicitude segue estancada pola falta de recoñecemento da súa independencia por parte de cinco estados membros: Chipre, Grecia, Romanía, Eslovaquia e España.
Tramitación máis rápida das solicitudes
Con esta proposta, Bruxelas pretende que os Estados membros tramiten as solicitudes de asilo de maneira máis rápida, ben mediante procedementos acelerados, ben a través de procedementos fronteirizos. O obxectivo é reducir os prazos actuais de ata seis meses a un máximo de tres, partindo da presunción de que a persoa procede dun país seguro.
Porén, as autoridades nacionais deberán seguir avaliando cada solicitude "sobre os seus propios méritos". A Comisión admite que, malia proceder dun país considerado seguro, algunhas persoas poderían ter dereito a protección internacional.
Ademais, os Estados membros poderán dispor das súas propias listas nacionais con máis países considerados seguros.
Avance no pacto migratorio europeo
A proposta inclúe tamén a posibilidade de adiantar dous elementos clave do novo pacto europeo de migración e asilo, previsto para entrar en vigor en xuño de 2026.
Bruxelas quere que os Estados poidan xa aplicar procedementos rápidos para solicitantes procedentes de países nos que menos do 20 % obteñen protección internacional.
A Comisión tamén suxire que os países membros poidan designar países terceiros seguros e países de orixe seguros con excepcións, o que permitiría excluír rexións concretas ou determinados colectivos vulnerables.
Segundo declarou o comisario de Interior e Migración, Magnus Brunner, “estas disposicións poden axudar aos Estados membros a procesar as solicitudes máis rapidamente, garantindo sempre que cada caso sexa avaliado e revisado individualmente polos tribunais nacionais”.
Agora, a proposta deberá ser debatida e acordada polo Parlamento Europeo e o Consello da UE.