Celta Fortuna e Lugo encadean unha serie de tres vitorias seguidas
Celta Fortuna e Lugo encadean unha serie de tres vitorias seguidas
Os dous equipos galegos están nos postos de privilexio da Primeira Federación
A vitoria do Deportivo en Sabadell sacouno dos postos de descenso, en que entrou o Arenteiro
O Celta Fortuna suma a terceira vitoria consecutiva para manterse no máis alto da clasificación: 2 a 3 na casa do Osasuna Promesas, un rival sempre complexo. O equipo de Claudio Giráldez non só gaña, senón que convence co seu fútbol. Xa é segundo na táboa, a un punto do líder.
Calla o proxecto do Celta Fortuna e tamén comeza a facelo o de Pedro Munitis no Lugo, que volveu gañar por terceira xornada consecutiva. O gol no tempo engadido de Willy Ledesma permítelle ao equipo colocarse noveno na clasificación, a un punto dos postos de promoción para o ascenso. Foi unha vitoria tan sufrida como celebrada.
E vitoria non menos importante a conseguida polo Deportivo na casa do Sabadell, outro histórico en problemas. Un Deportivo que iniciaba a xornada en postos de descenso, que se sobrepuxo ao mal estado do céspede e que soubo sufrir para manter a vantaxe do gol de Martín Ochoa no minuto sete do encontro.
No Reino de León medíronse a Cultural e o Arenteiro. Os de Javi Rey mereceron sacar un resultado positivo pero faltoulles acerto nun partido moi parello que acabou levando a Cultural pola mínima.