Publicador de contidos
Publicador de contidos

Catro dos cinco procesados na operación Carioca acordan penas menores coa Fiscalía

Catro dos cinco procesados na operación Carioca acordan penas menores coa Fiscalía

Xulgan tres proxenetas e dous gardas civís implicados na trama de prostitución

O subtenente Julio Vaquero é o único que non quixo recoñecer a autoría dos feitos nin chegar a un acordo co fiscal

16 anos dunha operación que se converteu naquel momento na maior causa contra o proxenetismo en España

Félix Aragunde 04/06/2024 14:19 Última actualización 04/06/2024 17:57

Máis de 15 anos despois de ser destapada unha importante trama de prostitución na operación Carioca, xulgan na Audiencia Provincial de Lugo os cinco implicados na peza principal do caso.

Son tres proxenetas, que rexentaban prostíbulos en Ribadeo e na capital luguesa, e dous gardas civís.

Catro deles chegaron a acordos coa Fiscalía que reducirán as penas solicitadas inicialmente.

Entre eles figura o principal imputado, o cabo Armando Lorenzo, para quen a fiscalía pedía 21 anos de cadea.

Acúsano dos delitos de agresión sexual, abusos sexuais, solicitude de favores sexuais, aceptación de suborno ou extorsión en grao de tentativa.

Elena Rodríguez Cabo, avogada da acusación particular: "As partes, sobre todo as acusacións, estabamos desexando que se iniciasen xa as sesións do xuízo. Por fin empezan hoxe, para a acabar con esta situación de dor e de recordos tan desagradables para as vítimas".

O outro garda civil que sentou no banco dos acusados é o subtenente Julio Vaquero, ao que lle piden 9 meses por solicitude sexual e omisión de perseguir delitos. Ao contrario que o resto dos implicados, négase a recoñecer a autoría dos feitos e aceptar as penas.

César Lodos, avogado da defensa: "Isto é moi inxusto. Este señor leva preto de 700 firmas nun xulgado. Pedíuselle unha fianza de 50.000 euros sen xustificación. Coma outras persoas que saíron absoltas neste caso, leva a pena de sentar no banco".

Pepe Riopedre, avogado da defensa: "A instrución deste procedemento é moi didáctica, a efectos de que se ensine nas facultades de Dereito o que non debe ser a Administración de Xustiza".

Pola súa parte, os acordos previstos entre a fiscalía e as defensas foron duramente criticados pola plataforma cidadá Contra a Impunidade no caso Carioca.

Mónica González, voceira da plataforma Contra a Impunidade Carioca: "Ante isto, en vez de impoñer unha sanción exemplarizante, que é o que debería facer, o que fai é reducir ao mínimo todo o peso da Xustiza".

Estes acordos de conformidade, para os que se prevén importantes rebaixas sobre as penas iniciais, foron adiados para a segunda xornada do xuízo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade