De ruta polo Ferrol modernista de Rodolfo Ucha
De ruta polo Ferrol modernista de Rodolfo Ucha
De ruta polo Ferrol modernista descubrimos que o edificio da Cociña Económica, de estilo neoeclecticista, foi mandado construír por un filántropo da cidade en 1920. Do seu deseño encargouse Rodolfo Ucha, arquitecto municipal da época e máximo expoñente do modernismo ferrolán. "É un edificio de uso público, porque o modernismo facía moitas casas privadas, pero tamén edificios públicos, como é a Cociña Económica, que aínda se segue a utilizar e dar servizo público ás persoas máis desfavorecidas da cidade", explica o guía turístico da visita Jorge Medina.
O interese pola arte, a cultura e, en concreto, pola arquitectura modernista é o denominador común de quen está a participar nesta ruta con que a cidade de Ferrol conmemora o Día Mundial do Turismo. "Decatámonos polas enquisas que facemos nas oficinas municipais de Turismo que a xente vén precisamente buscando este patrimonio cultural", sinala María del Carmen García, concelleira de Turismo de Ferrol.
Porque na elección de onde, cando e para que de cada viaxe ou destino turístico pesa tamén a cultura como elemento dinamizador dun sector en auxe.