Derrota dun Rácing que leva 629 minutos sen marcar un gol
Josan decidiu a prol do Elxe, o mellor local do campionato con dez triunfos seguidos
O equipo de Menéndez queda a 17 puntos da permanencia con 24 por xogar
O Elxe continúa de líder da Segunda a costa dun Rácing que cada xornada que pasa está máis preto do descenso matemático. Con 24 puntos en xogo está a 17 da salvación e con esta traxectoria podería baixar nun par de partidos.
Primeira metade moi seria do Rácing no aspecto defensivo. O Elxe é un dos equipos que máis somete aos rivais pola súa porcentaxe de posesión pero o equipo de Menéndez non sufriu ningún remate ata o minuto 22. O líder da Segunda gozou dalgunha oportunidade e o Rácing avisou cun remate desde lonxe de Álvaro Giménez. O dianteiro ilicitano foi derrubado na área pero o colexiado tivo que anular o penalti por un fóra de xogo anterior. O equipo local adiantouse cun gol de Josan, no minuto 38. E xusto antes do descanso asubiou outro penalti por unhas supostas mans de Puric que tamén anulou o colexiado logo de velo no VAR.
Álvaro Giménez volveu avisar ao pouco de comezar a segunda parte. O Elxe seguía dominando e puido marcar o segundo nun tiro cruzado de Álvaro Núñez salvado por Jesús Ruíz. A entrada de Nacho Sánchez e Raúl Blanco (minuto 70) serviu para que o Rácing tivese un pouco máis de atrevemento ofensivo. O de Moaña probouno de falta pero marchoulle desviado. Puido marcar o local Nico Castro marcar o gol da xornada cun remate de calcaño que acabou nas mans de Ruíz.