Publicador de contidos
Publicador de contidos

España e Portugal reclaman que Francia priorice o Eixo Atlántico

España e Portugal reclaman que Francia priorice o Eixo Atlántico

"España informou que concluirá o estudo sobre a saída sur de Vigo. Nós temos que facer o noso traballo", dixo Antònio Costa

As comunicacións e a enerxía centraron gran parte do cumio que reuniu en Lanzarote o presidente español e o primeiro ministro portugués

Sánchez presenta a Costa os obxectivos da presidencia española do Consello da Unión Europa

G24.gal 15/03/2023 08:37 Última actualización 15/03/2023 19:39

 A ministra de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Raquel Sánchez, acordou este mércores co seu homólogo portugués, João Galamba, que enviarán unha carta conxunta á comisaria de Transportes da Comisión Europea para instar a Francia a que priorice os tramos fronteirizos do denominado Eixo Atlántico.

Durante o cumio bilateral hispano-luso celebrado este mércores en Lanzarote, Sánchez destacou que unha boa conectividade é "fundamental" para as rexións ultraperiféricas e para a península ibérica, xa que permite a conexión co resto de Europa.

"É nesa conexión con Europa e entre os nosos dous países onde xoga un papel crucial o corredor atlántico da Rede Transeuropea de Transporte", asegurou a ministra durante a súa intervención na sesión plenaria do cumio.

Sánchez expresou a Galamba a importancia de continuar coa colaboración durante a presidencia española da UE en políticas de interese común -como o proxecto de corredor atlántico- e resaltou as boas relacións entre ambos os países e a estreita colaboración para desenvolver unha mobilidade "sostible" e "activa".

España e Portugal están a favorecer un "impulso ao transporte ferroviario entre ambos os países, en liña coa política da Unión Europea de situar ao ferrocarril no centro dunha mobilidade máis sostible", aseverou Sánchez.

Segundo indica o Ministerio de Transportes nun comunicado, ambos os países renovaron o seu compromiso de colaboración para desenvolver solucións "sostibles" e "intelixentes" sobre mobilidade e accesibilidade de persoas e mercadorías entre España e Portugal, así como con terceiros países.

A declaración tamén mostra o compromiso cun transporte "sostible, seguro, interoperable e multimodal", mediante o establecemento de portelos únicos, plataformas loxísticas e intercambiadores, e unha mención especial aos avances producidos nas conexións transfronteirizas viarias e ferroviarias.

Ademais, comprométense a impulsar obras de nova infraestrutura previstas no proxecto de corredor atlántico da rede transeuropea, e a coordinarse na negociación dun novo regulamento da rede transeuropea de transportes.

Segundo o Ministerio de Transportes, ambos os países asinaron tamén un acordo para rehabilitar a ponte internacional sobre o río Miño entre Salvaterra do Miño (Pontevedra) e Monçao (Portugal) e amplialo para incorporar un carril para bicicletas e unha zona para peóns.

Poucas novidades hai respecto á alta velocidade entre Vigo e Oporto, despois de que Bruxelas lle advertise ao goberno luso de que só financiará o proxecto se é construído en ancho europeo. "Falamos de como avanzan os estudos dun lado e doutro para a conexión do Porto e Vigo. España informou que concluirá o estudo sobre a saída sur de Vigo. Nós temos que facer o noso traballo", dixo Antònio Costa.

A enerxía tamén estivo na axenda, con avances no corredor submarino de hidróxeno verde, coa conexión fronteiriza entre o tramo luso de Celorico da Beira e Zamora. "Un proxecto que vai situar as nacións ibéricas á vangarda do hidróxeno renovable, contribuíndo á autonomía enerxética e ó liderado en enerxías limpas", explicou Pedro Sánchez.

A ducia de acordos do cumio inclúe asuntos transfronteirizos como o fomento de escolas bilingües, o recoñecemento de títulos universitarios e a recuperación de aldeas na Raia. O legado de Saramago, nobel portugués que viviu e faleceu en Lanzarote, acompañou un encontro bilateral que tamén acordou unha programación conxunta para lembrar os procesos de transición democrática de Portugal e España.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade