Pedro Sánchez leva ao cumio con Marrocos 12 ministros, ningún de Podemos
Pedro Sánchez leva ao cumio con Marrocos 12 ministros, ningún de Podemos
Asinaranse 20 acordos económicos e de loita contra o terrorismo e a inmigración ilegal
España agarda que o encontro sirva para normalizar as relacións co país veciño
Reunión de alto nivel que non se producía desde hai 8 anos. Moncloa quere un cumio histórico que deixe atrás os últimos desencontros.
Pedro Sánchez vai acompañado de 12 ministros. Todos socialistas. Ningún de Podemos. Tampouco asistirá o presidente dos empresarios.
España buscará de Rabat máis colaboración para expulsar inmigrantes. Non se abordarán de maneira específica cuestións como a calidade democrática, os dereitos humanos nin a soberanía de Ceuta e Melilla.
A relación de España e Marrocos dos últimos anos vén marcada polo conflito diplomático de 2021 cando Madrid autoriza a hospitalización no noso país do líder do Polisario Brahim Gali.
Rabat responde de inmediato. Tan só uns meses despois, en 24 horas, 10.000 inmigrantes saltan o valado de Ceuta.
A crise cústalle o cargo á ministra de Exteriores, Gonzalez Laya.
A reconciliación chegou o ano pasado. Pero non de balde. España dálle un xiro radical á súa posición sobre o Sáhara e abandona 46 anos de neutralidade no conflito para poñerse de lado de Marrocos.
Dous meses despois, Marrocos repele con contundencia o asalto ao valado de Melilla, onde morreron polo menos 23 inmigrantes.
Agora, con este cumio, España pretende sentar as bases dunha relación sólida que evite crises futuras.
O Goberno fala dunha cita histórica. Asinarán 20 acordos. Entre eles, un novo protocolo financeiro para facilitar os investimentos españois en Marrocos.
A xornada central será mañá, pero esta tarde celébrase como prólogo un foro empresarial, que clausurarán os dous xefes de Goberno.
O que non está confirmado aínda é se Pedro Sánchez será recibido polo rei Mohamed VI, e en Moncloa remiten á casa real marroquí.
Fontes do Goberno din que a situación no Sáhara non se tratará especificamente no cumio. Si estarán sobre a mesa novos acordos en materia de seguridade, cooperación antiterrorista e contra a inmigración ilegal.
Amnistía Internacional tamén critica o cumio e instalarán siluetas de inmigrantes fronte á Moncloa lembrando os máis de 20 falecidos no intento de salto ao valado de Melilla en xuño.