Fabril e Marino empatan sen goles nun partido con alternativas en Abegondo
Os dous equipos tiveron ocasións para marcar, pero destacaron os porteiros
No treito final foi anulado un gol a Kevin por fóra de xogo
O Fabril saiu disposto a resolver o chaque pola vía rápida. Comezou a dominar, a acumular homes en tres cuartos de campo para non deixar sair ao equipo asturiano, e creando ocasións. Pero todas ellas foron topando cun gran Dennis. O porteiro evitou primeiro o tanto de Kevin; despois, un remate de Fabi; e, a seguir, unha internada de Kevin pola esquerda.
Estas paradas frearon un chisco o ímpetu dos locais, que seguiron dominando pero sen crear ocasións tan claras. Neste treito, a máis clara ía ser favorable aos asturianos, cun remate de Óscar que saíu a córner logo dun rexeitamento. Ao descanso chegaba o partido sen goles.
Na segunda metade, O Marino confirmou axiña que estaba a medrar no encontro, cun remate de Isma Cerro que marchou desviado por ben pouco. Pero o Fabril volvía á carga, e volveu por a proba a Dennis, primeiro cun remate de Guerrero e, despois, con dúas ocasións de Kevin, que non estivo atinado. Polo medio, outra clara para a gran arma dos asturianos: Óscar estrelou no pau un remate asistido no saque dunha falta que sorprendeu aos coruñeses.
O partido seguía aberto, e podía caer para calquera bando. O Fabril seguiu atacando, e tivo ocasións para facer gol. Mesmo Kevin logrou enviar o balón á rede, pero o árbitro indicou fóra de xogo. E o Marino tamén tivo a súa no 92, cun dobre remate que parou Alberto de xeito espectacular. Ao final, empate sen goles en Abegondo,e o filial mantén un punto de vantaxe sobre un rival directo.