O Ourense CF resiste ao asedio final do Nástic no Couto (2-1) e sae do descenso
O equipo galegos adiantouse cos goles de Fullana e Carbonell
Logo de acurtar diferenzas, o Nastic dominou, pero Marqueta salvou aos seus
O Ourense CF acadou un triunfo importantísimo diante dun candidato ao ascenso, que foi superado polos ourensáns ata a hora de xogo, e despois topou cun gran Marqueta.
Logo duns minutos de tanteo, o Ourense CF adiantábase no marcador nunha das disciplinas que máis domina, o balón parado, Non chegou o gol directamente no saque do curruncho pero, despois do despexe, a segunda acción caéulle a Fullana na esquerda. O centrocampista trazou unha diagonal para aplicarlle por baixo a lei do ex ao Nástic. 1-0 e só ían disputados seis minutos.
Pero o Nástic é un rival duro, e evidenciouno nos seguintes minutos con dous centros perigosos á área. P rpimeiro deles cabeceouno arriba Pablo Fernández. O segundo rematouno Antoñín, e respondeu Marquta cun paradón que repeliu o traveseiro.
No treito final do primeiro tempo, e despois deses dous sustos, o Ourense CF volveu coller o dominio do partido, con senllos remates de Hugo Sanz e Jerín, pero sen mover o marcador ata o descanso.
Na segunda metade, a primeira gran ocasión foi do Ourense, nunha boa contra na que Fullana acabou rematando desviado un centro de Hugo Sanz. E, doutra boa acción desde a esquerda, desta volta comezada por Ángel Sánchez, saíu un centro de Hugo Sanz que Carbonell, nunha posición protestada polos cataláns, converteu no 2-0.
Parecía que o partido estaba encarreirado, pero o Nástic tardou so tres minutos en acurtar diferenzas cunha chilena de Antoñín. O gol foi tan fermoso como importante no encontro. O Nástic fíxose co control do partido, e creou unha manchea de ocasións de igualar o partido. Pero Marqueta emerxeu como salvador do seu equipo, que mantiña a vantaxe con problemas mentres pasaban os minutos. Co asubío final do árbitro confirmouse un importante triunfo, que saca momentaneamente ao Ourense dos postos de descenso da primeira RFEF.