Un Celta Fortuna sen gol perde en León contra o líder (2-0)
O filial volveu ofrecer a súa versión máis inofensiva fóra da casa
A Cultural tirou proveito das súas ocasións, cos goles de Pibe e Manu Justo
O Celta Fortuna segue sen acadar bos resultados lonxe de Vigo, o que lle está a custar manterse na parte baixa da táboa. No feudo do líder, a primeira ocasión do encontro foi do filial vigués. Aos catro minutos, un bo movemeno na área de Hugo González rematou cun disparo cruzado que rexeitou Bañuz. Pero a Cultural axiña tirou proveito das dificultades na saída de balón do Fortuna. Nunha delas, a recuperación deulle opción a Pibe a desequilibrar na área. O lateral remataba contra Marc Vidal, pero o balón entrou chorando na portería para converterse no primeiro gol.
O Fortuna non era quen de crear ocasións de perigo, máis aló dun par de accións a balón parado. No treito final desta primeira metade, Tincho estivo a piques de quedar so diante de Bañuz (despexou Quique Fornos), e despois o seu servizo paseouse sen que chegase Óscar Marcos.
Na segunda metade, o Celt Fortuna deu un paso á fronte. Encerrou ao líder no seu campo e dispuxo de boas ocasións. Unha cabezada de Óscar Marcos que parou Bañuz, e un remate fóra á reviravolta de Hugo González foron as máis claras. Pero o filial non foi quen de finalizalas.
Todo o contrario ca Cultural. A primeira contra que tivo, un balón ás costas da defensa, aproveitouna Manu Justo. Plantouse so diante de Marc Vidal e marcou pola escadra. 2-0 e partido case resolto. Porque o Celta Fortuna seguiu sen gol. No treito final entrou Joel López, que segue a reintegrarse logo da súa grave lesión. Tivo a última boa ocasión. O seu remate, despois de petar nun defensa, estrelouse no pau de Bañuz para certificar un 2-0 que mantén ao Fortuna na zona perigosa.