O Ourense perde en Salamanca con dous goles en propia porta (2-1)
Fullana adiantou o equipo ourensán, ao que non lle sorriu a sorte na segunda parte
Desgraza total para o Ourense Club de Fútbol no partido contra o Unionistas. Derrota por 2-1 con dous goles en propia porta e despois de adiantarse no marcador no primeiro tempo.
O primeiro aviso foi de Unionistas cun remate á escadra. Pero cedo se viu a ambición do Ourense Club de Fútbol. Avisaron Di Renzo e Alberto Gil. No minuto 27 chegou o gol de Fullana despois dunha xogada de Ángel Sánchez. Aconteceu xusto despois dun tanto anulado aos salmantinos por fóra de xogo. A primeira media hora foi dun ritmo de vertixe, algo que conseguiu frear o Ourense despois do tanto.
No segundo tempo seguía o equipo de Pablo López co control. Mesmo Jerín tivo unha ocasión para poñer o segundo gol galego. Nun centro lateral sen aparente perigo Zalaya rematou cara a súa propia porta e empatou para o Unionistas. O partido puido caer de calquera dos dous lados. Ángel Sánchez viu como lle anulaban un gol e a dez minutos do final Moisés Rodríguez volveu a marcar na súa propia porta poñendo o definitivo 2-1.