O Ourense C. F. rescata un punto merecido contra o Barça Atlètic (1-1)
O Ourense C. F. rescata un punto merecido contra o Barça Atlètic (1-1)
Di Renzo marcou no último minuto e conseguiu empatar o encontro
O conxunto galego gozou de grandes ocasións durante o partido pero non estivo atinado de cara a porta
O Ourense conseguiu rescatar un punto nos últimos minutos contra o Barça Atlétic. A primeira metade foi moi disputada, pero o conxunto ourensán gozou das mellores ocasións. A mellor oportunidade estivo nas botas de Fullana, que mandou alto un rexeitamento do gardameta culé, que detera un man a man anterior. Carbonell viuse na mesma situación que o seu compañeiro minutos despois. Astralaga atallou un lanzamento a queimarroupa e o dianteiro ourensán enviou desviado o remate. O partido chegaba á segunda metade con empate a cero e coas sensacións de que os locais mereceran máis.
Na segunda metade cambiarían as tornas e sería o Barça Atlètic o que dominaría e tería máis ocasións, sobre todo ao comezo. Primeiro sería Farré o que avisaría ao Ourense cun disparo raso que marchou moi preto da portería defendida por Raúl Marqueta. Guillermo Fernández sería o encargado de romper o empate minutos despois cun lanzamento dende fóra da área que tocou no traveseiro e ante o que nada puido facer o gardameta local.
Co 0-1, o Ourense viuse obrigado a entregarse ao ataque e, despois de varias aproximacións, unha boa xogada dende o medio do campo remataría co balón nos pés de Di Renzo, que faría un gran recorte e cun disparo que golpearía nun defensa culé superaría a Astralaga. Con este gol, o Ourense consegue salvar un punto merecido pero non lle serve para saír dos postos de descenso.