Pablo Prieto Perille toma posesión como novo presidente da RFGF
Pablo Prieto Perille toma posesión como novo presidente da RFGF
Pablo Prieto Perille (Ferrol, 1964) tomou este xoves ás 13:50 horas posesión como presidente número 33 da Real Federación Galega de Fútbol
Pablo Prieto Perille (Ferrol, 1964) acaba de tomar posesión este xoves 30 de xaneiro ás 13:50 como novo presidente da Real Federación Galega de Fútbol relevando no cargo a Rafael Louzán Abal, presidente da Real Federación Española de Fútbol.
O novo reitor do fútbol galego obtivo o apoio unánime da Asemblea Xeral e foi o único que presentou a súa candidatura á presidencia da RFGF. Pablo Prieto asinou a acta como novo presidente este xoves e esta mesma tarde manterá a primeira xuntanza de traballo coa nova xunta directiva da Federación.
O ferrolán é técnico especialista en Administración e director deportivo pola Real Federación Española de Fútbol-Universidade Camilo José Cela. Exerceu como adestrador profesional de fútbol sala en España, Libia e Emiratos Árabes e de director e mánager deportivo en diferentes entidades deportivas.
Ademais, foi responsable do fútbol sala femenino nacional da Real Federación Española de Fútbol (RFEF) e membro do Comité Galego de Adestradores na RFGF. Tamén foi vicepresidente da Real Federación Galega de Fútbol (RFGF) e máximo responsable do fútbol sala en Galicia e o grande artífice da integración do fútbol sala galego na Real Federación Galega de Fútbol.
A presentación oficial de Pablo Prieto como novo presidente da RFGF terá lugar este venres 31 de xaneiro no Edificio Fontán da Cidade da Cultura de Galicia en Santiago de Compostela.
A ela asistirá o presidente da RFEF Rafael Louzán, un amplo número de autoridades e unha nutrida representación de todos os estamentos do fútbol galego.