A lei de medios públicos continúa a súa tramitación no Parlamento cos votos do PPdeG
A lei de medios públicos continúa a súa tramitación no Parlamento cos votos do PPdeG
Os populares tombaron as emendas de totalidade do BNG e PSdeG. que denuncian obxectivo do texto é “tomar por asalto” o control dos medios públicos de Galicia
O conselleiro da Presidencia defendeu o texto que busca "adaptar a CRTVG á nova realidade" e "blindar a misión de difundir a lingua galega"
O proxecto de Lei de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisuais de Galicia continúa a súa tramitación no Parlamento, ao tombar o PPdeG as emendas de totalidade do BNG e PSdeG ao texto presentado pola Xunta e que recibiu críticas da oposición.
A pesar das críticas, o conselleiro da Presidencia, Diego Calvo, defendeu o texto e a súa tramitación, dado que, ao seu xuízo, se realizou mediante un “proceso transparente” que “estimula a procura de consenso” no nomeamento dos novos órganos de dirección.
Calvo asegurou que a norma lexislativa contempla unha “oferta sincera de man tendida para a elección” da próxima dirección a pesar das críticas da oposición respecto á posibilidade de que o PPdeG, coa súa maioría absoluta, poida designar en solitario o novo director.
A norma impulsada desde a Xunta abre a porta a rebaixar o apoio parlamentario necesario para elixir o director xeral da CRTVG, que poderá ser designado coa maioría absoluta coa que conta PP na cámara autonómica en terceira votación se antes non antes non se alcanzan os apoios mediante unha maioría reforzada.
Ademais, segundo Calvo, o proxecto de Lei de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia blinda a misión fundamental da promoción, difusión e impulso da lingua galega, xa que “dar a coñecer a identidade cultural” da comunidade “é e será innegociable”.“A nosa lingua é o noso máis valioso patrimonio inmaterial e é necesario protexela custe o que custe”, expuxo o conselleiro.
Deste xeito, remarcou que se asegurará o uso do galego nos programas da corporación, aínda que “sen prexuízo de usar adicionalmente outras linguas” cando así se xustifique, pero sempre para produción para emitir “fóra do territorio de Galicia”.
Tamén incidiu na necesidade de adaptar a compañía á nova realidade nun momento en que existe un novo marco “normativo estatal e europeo” ao que adaptarse nun escenario no que ademais “o patrón de consumo cambiou radicalmente”.
As portavoces do BNG, Olalla Rodil, e do PSdeG, Silvia Longueira, desdeñaron as argumentacións do representante da Xunta e coincidiron en denunciar que o verdadeiro obxectivo desta lexislación é “tomar por asalto” o control dos medios públicos de Galicia.
Na súa intervención, a parlamentaria do BNG Olalla Rodil ironizou co consenso xerado arredor da lei que conseguiu un “rexeitamento unánime de organizacións profesionais e sociais”.
Rodil lembrou que a súa formación presentou unha proposta alternativa na que propoñen que o director da compañía sexa elixido mediante un concurso público e que sexa avaliado por un comité de expertos fronte á intención do PPdeG de “poñelo a dedo” e “erosionar a calidade democrática do noso país”.
Segundo a deputada do Bloque, precisamente ese é o “único motivo” polo que a Xunta desenvolve esta lei, xa que necesitan “unha persoa que siga facendo correa de transmisión do PP” cando marche o actual director, Alfonso Sánchez Izquierdo, que leva no cargo desde 2009.
Por parte do PSdeG, Silvia Longueira considerou que o texto deixa patente a “falta de democracia do goberno absolutista do PP”, que ten a intención de “negarnos a todos o dereito a recibir información veraz e de calidade”.
Longueira acusou aos populares de tentar facer da CRTVG unha “caverna no que único que o que prima é o control da información e a manipulación da mesma”.
Máis alá das críticas ao intento de control, a socialista puxo o foco na permisividade respecto á “externacionalización” dos proxectos audiovisuais, de forma que se garanta que o “diñeiro público flúa cara a mans amigas”.
Fronte a todo iso, a deputada do PPdeG Carmen Pomar acusou nacionalistas e socialistas de utilizar a CRTVG como unha “arma arrozadiza” porque non acoden á Cámara para “debater este proxecto, veñen rebentalo”.
Así, reprochou que levan anos impulsando “campañas” contra un medio de comunicación “ao máis puro estilos trumpista” porque “non queren unha CRTVG independente, aspiran a unha CRTVG ao seu servizo, como tiñan durante o bipartito”.