Publicador de contidos
Publicador de contidos

Rueda denuncia no Parlamento a "enorme desigualdade de trato" de Sánchez con Galicia

Rueda denuncia no Parlamento a "enorme desigualdade de trato" de Sánchez con Galicia

Besteiro pídelle ao PP que se poña "do lado dos cidadáns" e apoie o novo decreto do Goberno

Pontón sitúa a Vigo como a "zona cero dos recortes e a privatización da sanidade" e acusa a Feijóo de deixar "un pufo en Galicia de 840 millóns de euros"

 

 

O presidente da Xunta Alfonso Rueda, durante a sesión do control ao Goberno no Parlamento (EFE / Xoán Rey)
G24.gal 29/01/2025 09:04

O presidente da Xunta Alfonso Rueda denunciou no Parlamento a "enorme desigualdade de trato" do executivo de Pedro Sánchez con Galicia.

Foi durante a sesión de control do Parlamento de Galicia, na que o secretario xeral do PSdeG José Ramón Gómez Besteiro lle afeou o voto en contra do PP ao decreto que incluía medidas como a alza das pensións e as axudas ao transporte. O líder socialista emprazou os populares a apoiaren o novo paquete que se votará a próxima semana.

Besteiro:  "A xente ten claro que cando queren velar polos seus dereitos non poden mirar nin para Feijóo nin para Alfonso Rueda"

Na sesión de control, o xefe de filas dos socialistas asegurou que as desigualdades en Galicia medran "a un ritmo maior" que no conxunto de España e acusa o presidente da Xunta de non aplicar solucións eficaces en materia de vivenda, dependencia ou sanidade.

José Ramón Gómez Besteiro botoulle en cara ao PP o voto en contra do decreto ómnibus do Goberno e confía en que a semana que vén os populares voten a favor do escudo social do Goberno. "Rectifique e póñase ao lado da inmensa maioría dos galegos e galegas", díxolle.

Tirando de ironía, Rueda apuntou: "Que nestes momentos un socialista ondee a bandeira da igualdade aquí en Galicia, vendo como nos están tratando, é menos crible que se os seus socios do BNG ondean a bandeira de España. Non os ían crer a ningún dos dous".

O presidente da Xunta denuncia o trato desigual do Goberno con Galicia en relación a outras autonomías e puxo como exemplo a suba das peaxes, a lei de amnistía ou a reclamación de novas competencias. "Mentres transfiren vía exprés competencias ás comunidades que lle interesan ao PSOE", en Galicia cada competencia custa "sangue, suor e bágoas", asegurou.

Rueda díxolle a Besteiro: "Agora que ten o futuro solucionado recoméndalle que sexa valente e se poña do lado de Galicia".

Pontón: "Presumen de grandes xestores, pero son unha fraude para este país"

Na sesión de control, a voceira do BNG situou a Vigo como a "zona cero dos recortes e a privatización da sanidade" por parte do PP e acusou o expresidente da Xunta e actual líder do partido, Alberto Núñez Feijóo, de "deixar un pufo" en Galicia de 840 millóns de euros".

"Presumen de grandes xestores, pero son unha fraude para este país", afirmou. Ana Pontón  pediulle a Rueda que "deixe de beneficiar" a sanidade privada e "escoite a cidadanía, rectifique e rescate" o Álvaro Cunqueiro.

O titular da Xunta mostrouse "orgulloso" da construción do hospital vigués e lembroulle a Pontón que a cidadanía avalou nas urnas a súa xestión. Negou que estean recortando en financiamento para Vigo e avanzou que o seu Goberno investirá este ano 1.000 millóns de euros na área sanitaria viguesa.

Rueda retou a Pontón a "botar contas de quen privatiza máis" e dixo que o Goberno bipartito de socialistas e nacionalistas, que gobernou entre 2005 e 2009, "aumentou un 48 % os concertos con entidades privadas".

Tamén reprochou a "poxa indecente" do concerto de Muface coas aseguradoras, pendente de resolver, e preguntoulle á líder da oposición que vai facer "cando lle pida o seu socio monclovita" o apoio.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade