Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Arenteiro gaña en Segovia (1-2) e volve á zona de promoción

O Arenteiro gaña en Segovia (1-2) e volve á zona de promoción

Diego Gómez e Baselga marcaron os goles, e o empuxe final dos locais non abondou

Diego García deixou o partido no descanso cunha lesión no xeonllo

Foto: @lagimnastica
G24.gal 18/01/2025 20:24

O Arenteiro segue a sumar puntos con solidez e efectividade. Desta volta venceu en Segovia, o que lle permite volver á zona de play off de ascenso, nun encontro en que a peor noticia foi a lesión do seu porteiro, Diego García.

O equipo ourensán entrou mellor no partido, e gozou de dúas ocasións claras nas que puido abrir o marcador. Un remate lixeiramente alto, e un bo despexe de Carmona despois da saída dun córner. Xusto a seguir chegaba a primeira ocasión local, que paraba Diego García no man a man para lanzar unha contra que se ía converter no gol galego. Marcouno Diego Gómez, despois de recoller o rexeitamento de Carmona na área pequena.

Co marcador a favor, o Arenteiro atopouse máis cómodo, e mesmo puido ampliar a vantaxe, por medio dun penalti que estragou Diego Gómez. Lanzouno por riba do traveseiro. Parecía que a primeira metade non deixaba nada máis destacado pero no último remate local, no minuto 47, mancouse Diego García. O porteiro, cun historial de lesións de xeonllo ás costas, tivo que deixar o campo coxeando visiblemente, e foi substituído por Manu Figueroa.

Un xerro de auga fría que non freou ao equipo galego. Nada máis iniciarse a segunda metade, Baselga marcaba o 0-2 nunha rápida acción que resolveu desde a frontal. O gol noqueou o equipo local, incapaz de crear perigo. Así as cousas, as ocasións máis clara desta segunda metade eran unha contra do Arenteiro que Diego Gómez non puido resolver no man a man, o seu remate rexeitouno Carmona, e outro remate do dianteiro que marchou ben preto do pau. A cinco da conclusión, Rodrigo vía o cartón vermello e deixaba ao seu equipo con dez.

Con todo, foi entón cando marcou a Segoviana. Fíxoo Fer Llorente no minuto 87. Pero o Arenteiro non se deixou sorprender, e asegurou un triunfo que o volve meter nos postos de promoción de ascenso á Segunda División.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar