Festa completa na Coruña co regreso goleador de Lucas Pérez
Festa completa na Coruña co regreso goleador de Lucas Pérez
O de Monelos marcou dous goles no triunfo ante o Unionistas (3-0)
A festa foi completa en Riazor no regreso de Lucas Pérez en partido oficial. O de Monelos marcou o gol que abría o triunfo ante o Unionistas.
Comezou con moita forza o Deportivo, cuns vinte primeiros minutos cheos de ritmo. Levados polo "Efecto Lucas" todos os compañeiros se empregaron ao máximo buscando marcar nos primeiros momentos do partido. As mellores opcións foron para Quiles, que rematou ao pau, e Isi Gómez ,cun disparo moi pretiño do poste.
O Unionistas conseguiu conter a ofensiva no treito final da primeira parte, pero na segunda desatouse a tormenta perfecta. Aos catro minutos chegou o momento de Lucas Pérez, que marcou o gol logo de canear o porteiro. Non chegaramos ao 10 cando o porteiro Salva foi expulsado por tocar o coiro coa man fóra da área. E faltaba o penalti cometido sobre Rubén Díaz e transformado por Quiles, ao que lle cedeu o balón Lucas.
O partido baixou moito nos últimos vinte minutos, os festexos estaban na bancada cun triunfo que vale máis que tres puntos e que redondeou o propio Lucas Pérez rematando unha gran xogada do Kuki Zalazar.