Publicador de contidos

Publicador de contidos

Liberados tres reféns israelís e 369 presos palestinos no sexto intercambio da tregua

Liberados tres reféns israelís e 369 presos palestinos no sexto intercambio da tregua

O grupo islamita entregou a Iair Horn, Sasha Trufanov e Sagui Dekel-Chen, secuestrados o 7 de outubro de 2023

A maioría dos prisioneiros palestinos regresaron a Gaza; 25 foron deportados a Exipto; 9 a Ramala e 2 a Xerusalén Este

Os tres reféns na cerimonia de liberación. REUTERS/Ramadan Abed
G24.gal 15/02/2025 08:18 Última actualización 15/02/2025 21:40

O grupo islamita Hamas levantou un escenario na localidade de Jan Yunis, no sur da Franxa de Gaza, para entregar á Cruz Vermella os tres reféns israelís anunciados para este sábado.

A organización humanitaria escoltou os liberados, en aparente bo estado de saúde, ata o lugar onde se atopaban as forzas hebreas encargadas de sacalos da Franxa para reunilos coas súas familias.

Sasha intervén co reloxo de area presidindo a mesa. REUTERS/Ramadan Abed Sasha intervén co reloxo de area presidindo a mesa. REUTERS/Ramadan Abed

Na cerimonia, presidida por un reloxo de area coa mensaxe: "O tempo está a esgotarse", liberaron a Iair Horn, de 46 anos, Sasha (Alexander) Trufanov, de 29, e Sagui Dekel-Chen, de 36, todos con dobre nacionalidade.

Segundo medios árabes, o recado vai dirixido a Einav Zangauker, unha das voceiras das familias dos reféns e nai de Mata, aínda cativo en Gaza. Das 251 persoas secuestradas por Hamas o 7 de outubro de 2023, 70 continúan na Franxa.

Posta en escena

Nunha posta en escena similar ás anteriores, con decenas de milicianos armados e coa cara tapada, podíanse ler carteis coas frases: "Non haberá migración, salvo a Xerusalén" ou "Cruzamos rapidamente".

Durante o acto, retransmitido en directo por Al Jazeera e varias cadeas xudías, os tres reféns tomaron a palabra e pedíronlle ao seu Goberno que manteña a tregua.

Varios milicianos escoltan a Iair Horn. REUTERS/Hatem Khaled Varios milicianos escoltan a Iair Horn. REUTERS/Hatem Khaled

Este sexto intercambio estivo no aire durante unha parte da semana por diverxencias sobre o cumprimento do cesamento do fogo. Polo medio aparecera Trump ameazando con "desatar o inferno" se este domingo non quedaban liberados todos os reféns israelís antes das doce do mediodía.

A evidencia é que Hamás fixo caso omiso. Trump respondía pola tarde nas redes sociais sinalando que apoiará a Israel na decisión que adopte como represalia. Mentres, as familias agardan pola liberación dos setenta reféns que continúan retidos.

"É unha montaña rusa de emocións e tamén moi agridoce ao pensar nos que seguen retidos", di Ronli Nissen, unha das principais activistas do Foro de Reféns.

Un dos prisioneiros palestinos liberado. REUTERS/Mohammed Torokman Un dos prisioneiros palestinos liberado. REUTERS/Mohammed Torokman

Presos palestinos

A cambio, o Exército xudeu liberou 369 presos palestinos, 36 deles condenados a cadea perpetua. Este é o sexto troco tras o alto o fogo acordado por ambas as dúas partes.

Os primeiros autobuses con prisioneiros procedentes de Israel chegaron a Rafah pouco despois da liberación dos tres reféns. A gran maioría volveu a Gaza, pero 25 foron deportados a Exipto, 9 a Ramala e 2 a Xerusalén Este.

"Tratáronnos cunha brutalidade coa que non se trataba antes ningún prisioneiro", di un liberado.

"Sentímonos orgullosos de obter a liberación grazas á resistencia", sinala outro.

Ata o de agora, Israel conseguiu a posta en liberdade de 24 secuestrados e Hamas, a devolución de 985 persoas cativas en territorio hebreo.

Presos liberados á súa chegada a Yan Junis. REUTERS/Hatem Khaled Presos liberados á súa chegada a Yan Junis. REUTERS/Hatem Khaled
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade