Publicador de contidos

Publicador de contidos

Os líderes europeos avanzan nun plan de paz para Ucraína e Starmer anuncia axuda para que compre 5.000 mísiles

Os líderes europeos avanzan nun plan de paz para Ucraína e Starmer anuncia axuda para que compre 5.000 mísiles

Asegurou que o Reino Unido está disposto a poñer "botas sobre o terreo e avións no aire" como garantías de seguridade para Ucraína

Von der Leyen: "Necesitamos urxentemente rearmar a Ucraína e Europa"

Filipe VI defende "a lexítima defensa" e a integridade territorial de Ucraína

Cumio de Londres: Starmer anuncia que prepara con Francia un plan de paz para Ucraína

G24.gal 02/03/2025 18:41

Primeiras valoracións do cumio europeo de seguridade celebrado este domingo en Londres. O primeiro ministro británico, Keir Starmer, dixo que "un número de países" mostraron a súa disposición para unirse á "coalición de voluntarios" que o Reino Unido está a impulsar para preservar a paz en Ucraína se se chega a un acordo para un cesamento do fogo.

Nunha conferencia de prensa tras albergar un cumio informal en Londres, Starmer non quixo concretar cales son os países que se sumarían a ese plan, pero asegurou que o Reino Unido está disposto a poñer "botas sobre o terreo e avións no aire" como garantías de seguridade para Ucraína.

O presidente español, Pedro Sánchez, asegurou que "España fará todo o que estea na súa man" para garantir "unha paz xusta e duradeira en Ucraína".

Porén, evitou pronunciarse sobre os puntos concretos do plan de paz anunciado este domingo polo primeiro ministro británico.

Mensaxe tamén desde España do rei Filipe VI. O monarca defendeu "a lexítima defensa" e o dereito de Ucraína a defender a súa independencia e integridade territorial, e enviou, textualmente, unha sostida mensaxe de solidariedade e apoio ao pobo ucraíno, sustentado con palabras e accións.

O presidente francés, Emmanuel Macron, afirmou que todas as nacións que asistiron ao cume de Londres están determinadas a actuar para ter unha paz duradeira en Ucraína e a tomar medidas para garantir a seguridade colectiva.

"Arredor da mesa de Londres, todos estamos decididos a actuar en favor dunha paz sólida e duradeira en Ucraína e a garantir a nosa seguridade colectiva", asegurou o mandatario galo.

O chanceler saínte alemán, Olaf Scholz, reafirmou a vontade internacional de apoiar a Kiev fronte a Rusia. 

"Queremos apoiar a Ucraína, o país agredido e vítima da agresión rusa, unha verdade que non cambiou e que segue estando clara", manifestou o xefe do Goberno en funcións de Alemaña.

"Isto significa que temos que seguir apoiando con medios financeiros e militares", abundou o chanceler saínte de Alemaña, o país europeo que máis axuda militar enviou a Kiev

A primeira ministra danesa, Mette Frederiksen, abriuse este domingo á posibilidade de enviar soldados daneses dentro dun continxente de "forzas de paz" a Ucraína.

"O Goberno danés ten unha mente aberta sobre iso e é parte do que estamos a discutir agora mesmo. Pero non é o único", declarou Frederiksen á canle danesa TV2 tras o cumio.

Máis escéptica foi a primeira ministra italiana. Giorgia Meloni instou a "non deixarse levar polas emocións" tras o ocorrido entre Estados Unidos e Ucraína, e mostrouse escéptica ante a proposta de enviar tropas europeas ao país, o que ve como "unha solución menos resolutiva que outras". Remarcou que a súa sensación é que "Estados Unidos quere unha paz" en Ucraína, "e quérea rápido", polo que apelou a buscar solucións adecuadas para evitar posibles recaídas.

Axuda financeira para máis de 5.000 mísiles

Starmer, anunciou ademais unha axuda financeira a Ucraína para que poida comprar máis de 5.000 mísiles de defensa aérea, que serán fabricados en Belfast (Irlanda do Norte). Asegurou que fortalecerán a Ucraína e garantirán a paz cando esta chegue.

Este armamento "será vital para protexer a infraestrutura crítica agora e fortalecer a Ucraína para garantir a paz cando chegue, porque temos que aprender dos erros do pasado", agregou Starmer, que recalcou a importancia de que todos os países asuman as súas responsabilidades.

Destacou a importancia de manter o fluxo de axuda militar a Ucraína mentres dure a guerra e seguir coa presión económica sobre Rusia.

Segundo Starmer, calquera paz duradeira debe garantir a soberanía e a seguridade de Ucraína, mentres que se esixirá que este país estea presente en calquera negociación de paz para acabar o conflito armado, que empezou en febreiro de 2022.

En caso dun acordo de paz, os líderes europeos tentarán disuadir calquera invasión futura de Rusia a Ucraína.

"Para apoiar a paz no noso continente e ter éxito, este esforzo debe contar cun forte apoio dos Estados Unidos", dixo.

"Estamos a traballar cos Estados Unidos neste punto despois da miña reunión co presidente (Donald) Trump a semana pasada e permitídeme ser claro, estamos de acordo co presidente na necesidade urxente dunha paz duradeira, agora debemos lograla xuntos", subliñou.

"Finalmente, acordamos que os líderes se reunirán novamente moi pronto, para manter o ritmo destas accións e seguir traballando cara a este plan compartido", explicou.

"Estamos nunha encrucillada na historia. Este non é un momento para máis palabras. É hora de actuar. É hora de dar un paso adiante e liderar e unirnos ao redor dun novo plan para unha paz xusta e duradeira", resaltou o primeiro ministro. 

Como xa adiantara nunha entrevista coa BBC na mañá do domingo, Starmer explicou que o Reino Unido e Francia traballarán con Ucraína para traer a paz, que se abordará posteriormente cos Estados Unidos.

A ese respecto, considerou que os EUA "non é un aliado pouco fiable", senón que demostrou ao longo das décadas que se pode contar con el, e por iso falou co presidente estadounidense, Donald Trump, na noite do sábado antes de presentar o plan que pretende impulsar.

Para o primeiro ministro británico, o punto de partida debe ser deixar a Ucraína na posición máis forte posible para unhas eventuais negociacións para un futuro acordo.

Von der Leyen: "Necesitamos urxentemente rearmar a Ucraína e Europa"

A presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, subliñou logo do cumio a necesidade de "rearmar" a Ucraína e a Europa.

"Necesitamos urxentemente rearmar a Ucraína e a Europa", afirmou Von der Leyen en declaracións á prensa ao finalizar a cita convocada polo primeiro ministro británico, Keir Starmer. A xefa do Executivo comunitario estimou necesario que o continente dea "un paso adiante masivo" para aumentar o seu defensa e dixo que presentará un "plan integral" para o cume de líderes europeos do próximo xoves en Bruxelas. 

Zelenski espera crear con Europa “unha base sólida” para traballar cos Estados Unidos cara á paz

Volodimir Zelenski, declarou ao termo do cumio que Kiev traballa cos seus socios europeos para crear “unha base sólida” que permita avanzar xunto a Estados Unidos para lograr “unha paz xusta e con garantías de seguridade”.

“Traballamos en Europa todos xuntos para que haxa unha base sólida para cooperar cos EUA cara a unha paz xusta e con garantías de seguridade”, escribiu Zelenski nas súas redes sociais ao termo do cume.

En contra do que é habitual nel, non fixo declaracións aos medios durante o evento.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade